No tempo de desconto. O pleno do Parlamento votou o pasado martes ata en catro ocasións -tres pola ausencia inicial do presidente da Xunta e unha cuarta, a través dunha proposta socialista- a constitución dunha comisión de investigación sobre as antigas caixas de aforros, a súa fusión e as millonarias indemnizacións dos seus directivos. E nas catro ocasións o voto do PP foi negativo. Como en anteriores sesións plenarias a explicación foi que estaban dispostos a indagar na xestión das vellas entidades de aforro galegas pero que só o farían cando o panorama da recapitalización de Novagalicia Banco estivese despexado. Apenas vinte e catro horas despois Alberto Núñez Feijóo muda o calendario. Non só volve asegurar que haberá investigación, senón que garante que os seus trámites se iniciarán en xullo.
O PP vetou en catro ocasións a investigación das caixas durante o mesmo pleno
O anuncio do presidente chegou nunha tensa sesión de control. A voceira do BNG na Cámara, Ana Pontón, cuestionábao polo "récord" de paro en Galicia e o contraste coas súas promesas de campaña. Con exemplos reais de persoas en paro que seguían o pleno dende a tribuna de convidados a nacionalista instábao a ser, cando menos, "tan condescendente e comprensivo coas persoas que sofren o dama do paro" como cos "ex directivos" aos que "lles brindou tempo" para, mediante a reforma da Lei de Caixas, garantirse "indemnizacións multimillonarias".
"Todo o mundo sabe o que se fixo nas caixas", evidenciou Feijóo, que non dubidou en situar o Bloque a carón dos antigos dirixentes de Caixa Galicia e Caixanova por levar "cinco anos gobernando ou apoiando en Vigo aos que fixeron unha manifestación en contra da Xunta porque queríamos relevar os directivos que resultan ser querelados por un fiscal". "O que imos facer é, como sempre, defender os galegos", asegura o presidente, e por iso "agora imos presentar unha comisión de investigación -xa está solicitada polo PSdeG, único grupo da oposición con deputados dabondo para pedila- non para lavar conciencias, senón para investigar". "E se aprobará nun pleno do mes de xullo", o que equivale á convocatoria dunha sesión extraordinaria para tal fin.
Feijóo lanza tamén unha segunda promesa que equivale, de igual xeito, a atender unha reiterada demanda da oposición. No propio mes de xullo o Goberno galego, di, presentará un proxecto de lei para transformar Novacaixagalicia nunha fundación de carácter especial e así garantir que persoas como Julio Fernández Gayoso abandonan os seus postos directivos. Neste contexto, o debate xa non se centrará na aprobación ou non da comisión de investigación, senón na lista de comparecentes da mesma e no punto ao que pode chegar a esixencia de responsabilidades. Do mesmo xeito, fica sobre a mesa a incógnita de se as dúas medidas anunciadas poderían ser interrompidas por unha convocatoria anticipada de eleccións.
O PP segue a fiar a investigación á "recapitalización" de Novagalicia
A solicitude dos populares sitúa a activación da comisión "unha vez que remate o proceso de recapitalización" de NCG Banco
Así e todo, o anuncio de Feijóo énchese de matices na súa concreción práctica, isto é, na solicitude formal da comisión de investigación, rexistrada polo PP minutos despois da sesión de control. Nese documento os conservadores aseguran estar "comprometidos coa transparencia" e subliñan que "dende o primeiro momento se mostraron favorables a investigar e analizar a evolución" da fusión das caixas e das indemnizacións dos seus responsables. Pero, á hora de falar de prazos, a posición popular non difire en absoluto da que viñeron mantendo nos últimos meses. Ao contrario que o presidente a iniciativa do PP non fala de xullo, afirma que "unha vez que remate o proceso de recapitalización é o momento axeitado para proceder a abrir unha investigación parlamentaria, tendo en conta ademais que algunha das cuestións que serían obxecto de investigación están sendo obxecto de actuacións xurisdiccionais, como é o caso das indemnizacións dos ex directivos ou a comercialización das participacións preferentes.
Na mesma liña o voceiro conservador na Cámara, Pedro Puy, emenda, cando menos de xeito relativo, a concreción de Feijóo. "Rexistramos este escrito para en canto se produza a aprobación do plan de recapitalización, poder debatela nun pleno inmediatamente posterior". Isto equivale a xullo? "Se o presidente di xullo será porque ten algunha información que o fai percibir que pode ser en xullo cando haxa a aprobación", di.
Estes matices levan a prender a luz das cautelas nos grupos da oposición. Nesta liña, o voceiro do PSdeG agarda que, tras o "enésimo bandazo" do Goberno galego, "non haxa truco nin departamento de publicidade e propaganda". A solicitude do PP "preocupa moito" no seo dos socialistas porque "desmente o anuncio de Feijóo", di Losada. "Estaremos vixilantes de que nos bandazos e titubeos de Feijóo non haxa de novo truco para intentar enganar a oposición e aos cidadáns de Galicia"
Nun sentido semellante Pontón tema que o anuncio fique "nunha floritura, un exercicio máis de propaganda". "É irresponsábel que o PP siga dicindo que o problema é a recapitalización", di a voceira nacionalista, xa que esa recapitalización "a vai facer o Estado" a través do rescate bancario. "Imaxino que non a paralizará porque o Parlamento poña en marcha unha investigación". A redacción da solicitude do PP, di, é "unha escusa" e unha mostra, ao seu xuízo, de que o PP "está ocultando algo".