Feijóo é investido por terceira vez apelando á unidade tras resucitar os ataques ao bipartito

O grupo popular aplaude a Feijóo tras a súa elección como presidente da Xunta © Parlamento de Galicia

No ecuador da X Lexislatura galega, que vén de arrincar, cumprirase o décimo aniversario das eleccións galegas nas que o PP retornou ao poder tras desbancar a coalición de PSdeG e BNG. Case unha década despois do remate daquel goberno, de tres anos e medio de duración, quen encabezou a oposición ao mesmo, Alberto Núñez Feijóo, vén de ser investido presidente por terceira vez consecutiva grazas ao apoio da maioría absoluta obtida polos populares o 25S. E fíxoo cun canto á unidade entre os partidos e mesmo insinuando un achegamento ao PSdeG. Pero xusto despois de resucitar as duras críticas ao Executivo de socialistas e nacionalistas que marcaron o seu primeiro mandato e boa parte do segundo.

"Eu lles propoño que saian da situación do 1 de marzo de 2009", proclamou Feijóo cara ás bancadas de En Marea, PSdeG e BNG xusto antes da votación. Apenas uns minutos antes o líder conservador, agora xa presidente electo, cargara contra a xestión do pretérito Goberno da esquerda por asuntos tan dispares como a segregación do alumnado no ensino por razón de sexo, que lle reprocharon Luís Villares e Ana Pontón; por mor do financiamento autonómico, caducado dende 2014; ou pola política lingüística, na que os tres grupos da esquerda pediron cambios para poñer fin, por exemplo, á "prohibición" de que as matemáticas poidan ser impartidas na lingua propia de Galicia.

Como durante todo o debate e tamén en boa parte da campaña Feijóo combinou a resurrección dialéctica do bipartito cun intento de situarse a si mesmo á marxe do tirapuxa entre partidos políticos. "A esta altura biolóxica e política da miña vida, non teño ningún outro interese que ser militante de Galicia". Esa militancia no país por riba do partido é a que Villares, Leiceaga e Pontón o instaron a demostrar en asuntos concretos, caso por exemplo do traspaso da AP-9, bloqueado no Congreso polo Goberno de Rajoy tras ser reclamado pola unanimidade do Parlamento galego.

"Eu lles propoño que saian da situación do 1 de marzo de 2009", proclamou Feijóo cara á oposición tras recuperar as críticas á coalición de PSdeG e BNG

Nesta dinámica, de lanzamento de eloxios máis ou menos politicamente envelenados pola banda presidencial cara ao voceiro socialista -"hai amores que matan", ironizou Leiceaga- e de caricaturización dos gobernos municipais nos que participan En Marea ou o BNG avanzou unha sesión que abre a porta a unha nova lexislatura pero que, paradoxalmente, tamén tivo chiscadelas ás futuras novas eleccións galegas "Non pensen que lles vai a colar no ano 2020 o que non lles colou en 2009, en 2012 ou en 2016", retou Feijóo. A esquerda presentouse "contra" el mentres el, á fronte do PP, concorreu a prol de Galicia, veu dicir.

Este foi o escenario no que, ao fío das sete da tarde, chegou a votación. O guión cumpriuse sen variacións na hora e tamén no resultado: 41 votos a favor e 34 en contra. O equilibrio de forzas foi, polo tanto, idéntico ao de hai catro anos, pero non así os momentos inmediatamente posteriores. Desta volta si houbo parabéns, saúdo institucional e mesmo algunha chanza entre os líderes da oposición ao presidente electo, observado dende a tribuna pola súa nai, a súa irmá e numerosos cargos do PP, entre eles José Manuel Baltar e un dos antigos cargos máis controvertidos, o lucense José Luis Iravedra, sobre quen segue pesando un proceso xudicial por presunta carretaxe nas eleccións de 2009.

Feijóo tomará posesión o sábado e despois protagonizará unha celebración na Praza do Obradoiro á que asistirá Rajoy

Tras a elección parlamentaria, este venres o presidente do Parlamento, Miguel Santalices, viaxará a Madrid para presentarlle ao rei os resultados da votación. O trámite completarase o sábado, cando Feijóo asumirá formalmente o cargo, primeiro cun acto institucional do Parlamento e despois, como avanzou Praza.gal, nunha celebración pública na Praza do Obradoiro, ao xeito das investiduras que popularizou Manuel Fraga. Está prevista a asistencia dunhas 1.500 persoas a un acto que, segundo avanzou este xoves a axencia Europa Press, contará coa presenza de Mariano Rajoy, como en 2009.

Pontón e Feijóo bromean logo de que a primeira felicitase o segundo tras a súa eleccións CC-BY-SA Praza Pública
Villares e Leiceaga felicitan a Feijóo tras a súa elección como presidente da Xunta CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.