Feijóo eloxia agora a Touriño como “coherente e cabal” tras culpalo da crise en Galicia

Touriño e Feijóo conversan diante de Santalices e Salgado na presentación do libro cos discursos parlamentarios do primeiro Dominio Público Parlamento de Galicia

A herdanza do bipartito é desde hai máis de sete anos o que está impedindo ao Goberno de Alberto Núñez Feijóo facer moito máis por Galicia. Iso é o que o actual presidente vén repetindo desde aquela cando a oposición o inquire sobre as súas políticas. Porén, este venres a cabeza visible daquela coalición, o socialista Emilio Pérez Touriño, converteuse para Feijóo nun “presidente coherente e cabal” co que mesmo coincide agora na aposta polos pactos entre distintas forzas políticas.

A presentación dun libro cos discursos parlamentarios do socialista fai que ambos coincidan na defensa de políticas moderadas fronte aos “populismos”

Os eloxios de Feijóo a Touriño escoitáronse na presentación este venres do libro cos discursos parlamentarios do socialista, no marco dunha colección da Cámara autonómica que recopila as intervencións de todos os ex-presidentes da Xunta. “Discursos e intervencións que repliquei e cos que discrepei”, dixo Feijóo, lembrando os seus tempos na oposición nos que “dar resposta aos seus discursos esixía un esforzo intelectual, esixía ter argumentos máis alá dos tópicos”. Feijóo tamén salientou sobre a súa posterior evolución persoal desde a oposición ata a actual presidencia da Xunta que “os líderes precisan de bos mestres e grandes rivais”, en referencia a Manuel Fraga e Touriño, respectivamente.

Pola súa banda, tanto Touriño como o prologuista do libro, o seu secretario xeral de Comunicación e conselleiro de Economía co tripartito, Fernando Salgado, enumeraron os logros económicos do seu goberno, do que o ex-presidente salientou que acadou “o maior volume de emprego de toda a historia da autonomía e a menor taxa de paro, dun 6,6%”. Na súa intervención Touriño asegurou que a súa intención como presidente foi ter en conta a pluralidade de Galicia e apostou por recuperar agora “a política útil aos cidadáns por riba das vidas internas dos partidos”, unha política moderada que se contrapón aos “populismos”. Unhas verbas coas que coincidiu Feijóo, que defendeu o “turnismo” nos gobernos da “socialdemocracia e o reformismo”, que ao seu ver apostan por políticas “progresivas” e non cambios radicais propios dos “populistas”. Unha defensa do “turnismo” que Feijóo asimilou co “modelo” que o histórico galeguista Ramón Piñeiro, deputado independente polo PSdeG, quixo para Galicia. “Pactemos ou coaliguémonos para facer cousas, non para impedir que outros as fagan”, dixo.

Touriño deu as "grazas á oposición daquel momento" e obviou os insultos que lle dirixía o PP e que este venres o presidente do Parlamento negou

Na presentación do libro tamén interveu o presidente do Parlamento, Miguel Santalices, quen lembrou que el fora voceiro en materia sanitaria do PP na oposición a Touriño. “Exercemos unha oposición con dureza pero con lealdade institucional”, dixo, para engadir que “non lle faltamos ao respecto a ninguén” nin na súa actuación houbo “insultos”. “Ninguén mo vai discutir”, sentenciou. Porén, naquela época os populares dirixiron contra Touriño en persoa cualificativos como “sultán de Monte Pío”, “mentiroso”, “demagogo” ou “embaucador”. Nada diso impediu que este venres Touriño rematase a súa intervención con agradecementos varios, entre os que incluíu un “grazas á oposición daquel momento”.

Presentación do libro cos discursos parlamentarios de Touriño Dominio Público Parlamento de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.