Feijóo encoméndase ao voto do medo

Feijóo, no mitin con Hernández CC-BY-SA PPdeG

A máquina do medo é unha das sagas da serie de banda deseñada Hellblazer (DC Comics), na que o seu protagonista, John Constantine, transita por un escuro mundo onde forzas infernais, bruxaría e seres sobrenaturais ameazan constantemente os seres humanos. En síntese, un mundo de auténtico terror. Un panorama semellante -aínda que, polo menos de momento, sen alusións ao sobrenatural nin a enxendros do alén- é o que, por veces, comeza a debuxar o presidente da Xunta e do PPdeG para os concellos nos que o seu partido non logre maiorías absolutas. Durante os mitins que poboan a súa inzadísima axenda, que por veces semella os maratóns electorais dos tempos de Fraga, Alberto Núñez Feijóo sementa reiteradamente temores diversos a respecto de posibles gobernos locais alternativos, especialmente nas cidades.

A máquina electoral do medo funcionou con especial intensidade ao longo da pasada fin de semana, na que os actos dos populares rebordaron mencións a Venezuela, ao comunismo, ao independentismo ou a Andalucía e os seus avatares políticos. Tras percorrer varios concellos do interior á procura da cobizadísima Deputación de Lugo o titular da Xunta pechou o domingo nunha das prazas nas que, dalgún xeito, el tamén se presenta: Santiago. O PP citou a súa militancia no salón dun hotel da parroquia da Sionlla, na que o Concello multou un gandeiro polas bostas das súas vacas, para celebrar o que denominou "mitin central do rural". Unha vez alí, medo a discreción.

Despois de refrescar o relato oficial segundo o cal "entre Compostela, o Parlamento e a Xunta, Agustín Hernández elixiu Compostela", Feijóo pediulles aos congregados o voto para o PP, o "único partido que pode garantir concellos libres de imposicións e extremismos". Tras o mandato municipal máis convulso da historia democrática compostelá o xefe de filas da dereita advirte de que "calquera opción distinta ao PP pasa polo nacionalismo e pasa polo extremismo". E "nacionalismo e extremismo é o contrario a estar xuntos, posto que dende a división e o enfrontamento xamais se levantou nada máis que muros".

Feijóo proclama que só o PP "pode garantir concellos libres de imposicións e extremismos"

Se o PP non obtén a maioría absoluta, acrecenta o presidente, non haberá "garantía" de "municipios libres para desenvolver un proxecto", nos que "non haxa que estar pendentes da chantaxe da minoría", xa que o PSOE "entregará" os consistorios a "partidos radicais". Se Hernández perde o bastón de mando, advirte, chegarán ao poder os que "impoñen", os que "reparten carnés de bos e malos, de máis ou menos galegos, de mozos ou vellos". Mentres, "o único carné do PPdeG é o de galego, que é o mellor xeito posible de ser español".

Hernández advirte de que, se non goberna o PP, farano "os admiradores das políticas bolivarianas" e "os que quitan as bandeiras constitucionais do Concello"

Tamén o propio Hernández apostou polo medo. Na súa alocución o ex conselleiro reclamou o "voto responsable dos cidadáns moderados". Como noutrora fixera Feijóo e antes Fernández de la Mora o agora rexedor da capital pide votos ao PP "por riba das ideoloxías". Faino, di, para "evitar que o Concello se converta en banco de probas de experimentos políticos". A "alternativa" á súa candidatura, advirte, "son a esquerda radical de sempre", "os que chaman mafiososos aos que non pensan coma eles, os admiradores das políticas bolivarianas de Chávez, Maduro e compañía". Se non goberna el, asegura, farano "os que chegan e quitan as bandeiras constitucionais do Concello, da casa de todos". Catro anos despois da vitoria de Conde Roa Hernández agrega que o PP, pola contra, "demostrou en dez meses o que é capaz de facer".

Feijóo, este domingo en Santiago CC-BY-SA PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.