"Non cómpre pescudar moi lonxe o camiño que conduce á saída". O presidente da Xunta afrontou o seu segundo exame parlamentario da lexislatura falando máis de política que en anteriores ocasións e afondando nunha das teses máis frecuentes no argumentario do PP: a identificación entre Galicia e o Goberno que preside. O proxecto do goberno é o proxecto da cidadanía, sen distinción e, así, "negar a efectividade" da acción do Executivo equivale a "negar inxustamente os méritos das galegas e dos galegos". O gabinete do PP simplemente "interpreta" o que "o pobo quere" e "tradúceo en accións", unha combinación de "prodixio" que terá como seguinte episodio a "recuperación" e saída da crise económica.
Nunha estratexia dialéctica semellante á empregada noutrora polo ex presidente Touriño o titular da Xunta atribúese implicitamente que Galicia "se adiantase ao resto de España na loita contra a crise" e por iso agora está "en mellor situación que a maioría das comunidades" e "máis pronto que tarde será tempo de crecer". "Galicia pode facer gala de resultados" en tempos difíciles, abonda, hai "avances innegables" que requiren o apoio de todos. El, pola súa banda, pon "todo á disposición" da oposición, á que só lle queda "escoller aquilo no que se sintan máis cómodos" para pactar, pero "colaboren en algo", insiste, porque a "proposta" do Goberno "é Galicia". Trátase, argumentou de "trasladar ao Parlamento" o "espírito" da veciñanza compostelá de Angrois que axudou tras o descarrilamento do Alvia.
O presidente identifica a Galicia coa súa xestión e conclúe que "negar a efectividade" do Goberno é "negar os méritos dos galegos"
Con este marco simbólico Feijóo pronunciou ante os deputados e deputadas un discurso sen grandes artificios no que o equipo presidencial quixo, catro días despois do anuncio da suba do imposto de carburantes, colocar como principal titular unha rebaixa de medio punto no treito autonómico do IRPF para as rendas con base impoñible de ata 17.700 euros. Trátase dunha rebaixa que rolda o 5% e que, polo tanto, queda máis de tres puntos por baixo da prometida polo propio Feijóo na súa investidura como presidente en 2009, unha promesa que nunca chegou a levar á práctica. Daquel programa electoral de 2009 sae tamén outro dos anuncios da xornada, a prometidísima lei de publicidade institucional.
A rebaixa de impostos chega despois da suba do céntimo sanitario e é inferior á prometida polo propio Feijóo en 2009
A exención de pagamento en escolas infantís para familias de dous ou máis fillos con rendas menores a 30.000 euros foi o punto social dun discurso que o presidente adornou coa ratificación do veto á mina de Corcoesto que este martes xa figuraba nalgún xornal impreso. Esta negativa á explotación, que autoemenda á propia Xunta, non implica, non obstante, un cambio de rumbo a respecto da minaría, que Feijóo segue vendo como "elemento tractor de crecemento" para o país. "Galicia sería profundamente inxusta consigo mesma se caese no rexeitamento sistemático de toda proposta de actividade extractiva" á que ademais se lle aplicará un canon semellante ao eólico.
Novas "racionalizacións" na administración ou o xa manido recorte de deputados formaron parte dopaquete de anuncios nun discurso que pasou con máis pena que gloria polas bancadas da oposición. Só destacou a exclamación de "bolxevique!" que a nacionalista Tereixa Paz deixou escapar con retranca cando Feijóo anunciou unha lei que permitirá incluír no Banco de Terras os terreos que procedan da concentración parcelaria e que estean abandonados, contradicindo así a súa postura na oposición. Menos entusiasmo suscitou o recoñecemento de que a Xunta se ten que limitar a "opinar" no proceso de venda de Novagalicia Banco e, cando o presidente dixo ter "intacta a confianza" en Pemex para que a construción dos floteis comece en novembro, a reacción quedou nalgúns murmurios. Estes son, en definitiva, os vimbios do cesto dun debate para o que Feijóo lanza un desexo xenérico cun aquel de cadea de distribución alimentaria: "discutamos como galegos".