Feijóo evita o enfrontamento institucional co alcalde de Santiago a sete meses das eleccións

Un intre da xuntanza de Feijóo e Noriega en San Caetano © Xunta

Restan apenas sete meses para os comicios municipais, uns comicios nos que as sete cidades galegas volverán ser termómetro electoral para o conxunto do país. Un dos focos de atención prioritaria na noite electoral han ser, con toda seguridade, as tres cidades da provincia da Coruña que o PP perdeu en bloque no ano 2015 tras lograr gobernar as tres á vez por primeira vez catro anos antes. Este é o pano de fondo no que este mércores se celebrou a xuntanza entre o presidente da Xunta e o alcalde de Santiago, que estivo precedida pola tensión entre ambas institucións pola demora de Alberto Núñez Feijóo na petición de xuntanza formulada por Martiño Noriega, pero no que, no entanto, o xefe do Goberno galego esquivou o enfrontamento.

Apenas un mes despois de que Noriega confirmase a súa intención de volver ser cabeza de cartel de Compostela Aberta e tras unha presentación do aspirante popular á alcaldía, o ex-conselleiro e ex-rexedor Agustín Hernández, na que Feijóo cargou con dureza contra o goberno municipal da capital galega, no encontro de San Caetano o ton foi diferente. O alcalde compostelán acudiu á sede da Presidencia cunha trintena de asuntos de "traballo conxunto" en clave local e o titular da Xunta deu en "repasar" os investimentos autonómicos na cidade obviando as polémicas, caso do freo sistemático que o Goberno galego impuxo nos últimos anos á taxa turística que reclama o Concello.

O Concello reclama que a Xunta constrúa un aparcadoiro nun terreo municipal lindeiro co hospital e Feijóo négase para non "discriminar" outras cidades

Con este pano de fondo o principal punto de fricción estivo no proxecto de novo aparcadoiro do hospital Clínico, que a xuízo do Concello debera ser construído pola Xunta nunha zona especialmente saturada de vehículos durante as mañás e que no futuro verá incrementada a presión de desprazamentos por mor do traslado da facultade de Medicina da USC. O goberno local ofreceu un terreo municipal para que o Sergas constrúa o aparcadoiro, pero Feijóo négase. Facelo implicaría unha "discriminación" para o resto das cidades, afirma o presidente da Xunta mentres aínda está pendente de resolución o conflito polo aparcadoiro do hospital de Vigo, cuxa gratuidade reclama o Concello tras inaugurar un propio de balde, algo que tamén aconteceu en Lugo.

Vista do Clínico de Santiago, cuxa contorna acumula diariamente grandes cantidades de vehículos / Sergas

Alén do aparcadoiro, Feijóo tamén sobre o Clínico deu en "anunciar" que os vindeiros Orzamentos Xerais incluirán unha partida para "poder comezar a redacción do proxecto de ampliación do Hospital Público de Santiago", terminoloxía que o Goberno galego vén empregando para reforzar a idea de que os centros sanitarios galegos non foron atinxidos por privatizacións. No ámbito sanitario Noriega trasladoulle demandas xa históricas da corporación compostelá, como a construción dun centro de saúde no barrio de Conxo.

O presidente da Xunta admite que a depuradora se instalará onde sinala o Concello co apoio do Goberno central e Noriega advirte da "obriga" de "manter a normalidade na relación á marxe do calendario electoral"

A cuestión da taxa turística, a coordinación cara ao Xacobeo 2021 ou o compromiso para a construción de infraestruturas sociais como a prometida residencia de maiores, así como a apertura definitiva do Centro Galego de Desenvolvemento Integral para persoas con discapacidade (CEGADI), que acumula cinco anos de atraso, estiveron tamén na axenda do rexedor compostelán nunha xuntanza na que atopou unha aparente mudanza de actitude de Feijóo nun dos asuntos que o Concello arrastra durante décadas: o emprazamento da nova depuradora de augas residuais do río Sar.

Despois de que o novo Goberno de España apoiase o plan para ampliar a actual depuradora da Silvouta no canto de construír unha nova no Souto, opción que veu sendo defendida polo PP e pola propia Xunta, Feijóo asegura manter "preocupación" ao respecto, pero admite que "vai seguir comprometida co financiamento que se tiña pactado" porque o Concello, en última instancia, é "soberano" nesta decisión. Noriega encadra o clima do encontro en asuntos coma este na "cultura de cooperación nas cousas que lle afectan á cidade" que adoitou ter a capital galega, con gobernos locais de signo diferente ao da Xunta na maior parte do período autonómico, e advertiu da "obriga" de "manter a normalidade nas relacións á marxe de calendarios electorais".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.