Feijóo fai ver que ten máis tirón electoral que o PP e arrefría a posibilidade dun adianto electoral en Galicia

Feijóo responde á oposición este mércores no Parlamento de Galicia Dominio Público @GrupoPopularGal

O presidente insiste no dereito do PP a gobernar Ferrol e A Coruña ao ser a lista máis votada

“Non subestime aos galegos, que saben que votan, a quen votan e de que se trata en cada elección”. Así respondeu este mércores Feijóo no Parlamento de Galicia cando o PSdeG intentou sacar peito dos resultados electorais do domingo. “Deixe que os galegos elixan en 2020 ao presidente da Xunta”, engadiu, facendo ver que a súa propia figura ten máis tirón electoral que a marca do seu partido noutro tipo de comicios como os recentes. 

O portavoz socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, asegurou na súa intervención, que “a mensaxe en Galicia é de cambio” e fixo responsable ao propio Feijóo do fracaso dos cinco ex-conselleiros que puxo como candidatos en cinco cidades, catro dos cales empeoraron os seus resultados e o quinto, Rey Varela en Ferrol, non terá posibilidade de gobernar malia quedarse a un edil da maioría absoluta por non ter con quen pactar. “Recoñece ese fracaso como seu, pese á súa implicación na campaña, ou vaino imputar á conta doutros?”, preguntoulle o socialista. 

"A mensaxe en Galicia é de cambio", dixo Leiceaga, e tanto el como Pontón aseguraron que a Feijóo lle queda "un ano" á fronte da Xunta

A resposta de Feijóo foi eloxiar publicamente as vitorias electorais tanto de Rey Varela como da candidata na Coruña, Beatriz Mato, que tamén gañou os comicios malia empeorar os resultados do PP a respecto de 2015. “Ser do PP e gañar non vale, ser do PSOE e perder si vale”, dixo o presidente, insistindo na súa permanente apelación a que goberne a lista máis votada fronte aos que vén definindo como “pactos de perdedores”. Reclamación que agora se produce ao tempo que o PP intenta facerse co control tanto da Comunidade como do Concello de Madrid malia non ser en ningún dos dous casos a lista máis votada. Nesa liña, Feijóo salientou este mércores que “o PP galego foi o que menos baixou de todo o PP en España”. Díxoo ao tempo que aleccionaba á oposición dicíndolles que “aos galegos gústalles mais a humildade que a soberbia e por iso nós somos humildes aínda cando gañamos”.

Luís Villares, Xoaquín Fernández Leiceaga e Ana Pontón © Parlamento de Galicia

Feijóo lembrou que tras as municipais de 2015 o PSdeG tamén lanzou un discurso similar de triunfo pero un ano máis tarde el volveu ampliar a súa maioría absoluta

Tanto o portavoz socialista como a do BNG, Ana Pontón, que fixeron derivar as súas preguntas sobre colaboración cos concellos e vivenda cara aos resultados electorais, aseguraron que a Feijóo lle queda “un ano” á fronte da Xunta, en referencia á data máxima de finalización da lexislatura galega en setembro do próximo ano, se o presidente non decide adiantar os comicios. Esa posibilidade, en pleno ascenso da vaga de voto ao PSOE tamén en Galicia, onde os socialistas foron a forza máis vota por primeira vez nas xerais de hai un mes e por segunda ocasión nas europeas do pasado domingo, foi arrefriada este mércores por Feijóo. Ao tempo que insistía en diferenciar cada convocatoria electoral, lembrando que os socialistas tiveron un discurso similar de triunfo tras as municipais de 2015 pero un ano máis tarde el volveu ampliar a súa maioría absoluta nas autonómicas, Feijóo insistiu en todo momento en falar das autonómicas no próximo ano.

En 2012 e 2016 Feijóo fixo coincidir as autonómicas coa data previamente decidida polo Lehendakari, pero mentres en Euskadi xa se vén falando de posible adianto electoral, en Galicia o presidente arrefría o debate

Nas dúas ocasións anteriores en que Feijóo convocou eleccións, en 2012 e 2016, fíxoas coincidir coa data previamente decida polo Lehendakari para as autonómicas vascas. Pero así como en ocasións anteriores en canto a posibilidade dun adianto comezou a barallarse na política vasca o PP galego fixo ver que o mesmo podía pasar en Galicia, presentando a coincidencia de datas mesmo como un aforro de cartos públicos, desta volta nada diso está a pasar. En Euskadi o PNV xa viña insinuando a posibilidade dun adianto electoral ante as dificultades para controlar o Parlamento vasco mesmo antes de ver reforzada a súa posición nos dous últimos comicios, tras os que a posibilidade volve estar sobre a mesa. En Galicia, con Feijóo arrefriando hoxe ese debate, a data das próximas eleccións segue estando só nas súas mans

Villares preguntou a Feijóo "quen manda no PP" e o presidente respondeu poñendo en evidencia a crise interna de En Marea

Na sesión deste mércores no Parlamento Feijóo tamén foi interpelado polo portavoz de En Marea, Luís Villares, que ao contrario que Leiceaga e Pontón evitou relacionar a súa pregunta sobre a inestabilidade do persoal da sanidade pública cos resultados electorais, moi negativo para a súa formación. Porén, Villares optou por comezar a súa intervención preguntando a Feijóo “quen manda no PP”. A resposta do presidente foi repreguntarlle a Villares se el mesmo manda no seu grupo parlamentario, con máis críticos que afíns ao seu portavoz tras a ruptura de En Marea con Podemos, EU e as mareas municipais e que este mércores presentaba numerosos escanos baleiros. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.