O PP en xeral e o presidente da Xunta en particular defenden dende hai semanas en Galicia dúas reformas electorais que non contan con máis apoio que o do propoio partido conservador: o recorte do Parlamento e a ilegalización dos gobernos locais de coalición. Alberto Núñez Feijóo aposta pola aplicación unilateral de ambas reformas e faino contradicindo o programa electoral co que chegou ao Goberno galego, no que, na liña do que reclamara nos seus tempos de oposición, prometía a prohibición por lei das reformas electorais sen o apoio de, cando menos dous terzos do Parlamento, isto é, sen consenso. Na primeira sesión de control do curso político a oposición pediulle contas por esta mudanza ao presidente, que optou por ignorar o seu propio programa para aferrarse aos defendidos polo PSOE na década pasada e na dos 90.
O primeiro en lembrar o que noutrora eran promesas de Feijóo foi o voceiro socialista, José Luis Méndez Romeu que, amosando a correspondente páxina do programa popular de 2009, considerou que o presidente "non cumpre niso igual que non cumpre case nada". "Vostede non é fiable, falta aos seus compromisos" e "ignora as súas promesas" tendendo progresivamente a ser "máis o presidente do seu partido e non o de toda a sociedade". "Quere cambiar a lei electoral de xeito unilateral, como se tivese nostalxia do partido único", reprocha, nun contexto no que "os ultras do PP, os estremistas coma vostede, queren impoñer unha reforma no seu beneficio particular", mesmo pasando por riba das "persoas sensatas" que, nas propias filas conservadoras, "non queren levar a convivencia democrática ao abismo, nin acabar co pluralismo nin afogar as minorías".
Feijóo evita o seu programa de 2009 pero apela ao de 2012 para reformar a Lei de Eleccións sen acordo
"Cando me lembra os programas electorais me lembra o de 2009; significa, en consecuencia, que está a favor de cumprir os programas electorias" e "o de 2012 sinala que fagamos unha redución dos deputados", retrucou Feijóo. O xefe do Executivo cre que "sería bo que pactemos cumprir os programas electorais", concretamente, o seu de 2012 e tamén os do PSOE "do ano 2000 e do 2004", que "propuñan a elección directa de alcaldes -propuñan facelo, pero coa condición do consenso-". "De que programa electoral me está falando?", agrega, obviando, non obstante, a súa propia promesa.
Romeu e Jorquera piden contas polo cambio de postura do presidente, que "falta aos seus compromisos" e non ten "principios"
Feijóo pasa por riba da súa promesa pretérita para responderlle ao PSdeG e fai o propio co BNG, que a través de Francisco Jorquera lle lembrou ao presidente non só a súa esixencia de esixir dous terzos do Parlamento para reformar a Lei de Eleccións, senón tamén a súa aposta por incluír esa condición no Estatuto de Autonomía e a súa oposición á modificación que propuxo o bipartito e que "non se levou adiante porque non había consenso". "Chegou a dicir: 'pretendo que a xente teña principios", recorda o nacionalista, quen se pregunta se o líder da dereita "ten principios" ao identificar "rexeneración democŕatica" con "cambiar as regras do xogo á medida dos intereses do PP".
Como con Méndez Romeu, Feijóo evitou novamente a súa propia proposta, centrándose en reprochar a "proposta do bipartito de diminuír a representación de Ourense e Lugo", que non chegou a aprobarse, e advertir de que aplicará o recorte do Parlamento, isto é, a reforma da Lei de Eleccións, aínda que non haxa consenso. É "lexítimo", precisamente, porque o recorte estaba no programa "da maioría de 41 escanos". Para Jorquera esta actitude aproxima os "principios" de Feijóo aos de Groucho Marx. Segundo o presidente, o Bloque oponse aos plans do PP porque quere "mudar o resultado das eleccións despois de producilas", xeito en que define os gobernos de coalición nos que os nacionalistas, culminou, exercen de "tonto útil do PSOE", expresión que despois retiraría despois de que Jorquera reclamase que o fixera, porque "senón, direi que Galicia ten de presidente un gilipollas".