Feijóo incumpre o seu propio prazo para aprobar o recortado plan anticorrupción

Rueda, Feijóo e Hernández, este luns dirixindo o comité de dirección do PPdeG CC-BY-SA PPdeG

Ningunha normativa o obrigaba e  ninguén llo pedira, nin sequera a oposición, que o instaba a comezar por explicar os casos de "presunto financiamento ilícito do PP". Malia todo, o presidente da Xunta ascendeu o pasado 27 de xaneiro á tribuna do Parlamento para, despois de máis de 40 vetos a peticións de explicacións sobre suposta corrupción, comparecer non sobre casos concretos, senón sobre o que deu en chamar "plan de impulso democrático". Tratábase dun proxecto de cinco leis que o presidente esmigallou para presentalas como cincuenta medidas e que traía consigo un prazo moi concreto, "cincuenta días", e unha advertencia á oposición: "o vamos a acadar, con ou sen vostedes", dixo Feijóo. Setenta días despois o plan aínda non está culminado e sufriu, por obriga, o recorte dalgunha das súas promesas estrela.

Este luns, 6 de abril, o voceiro do PP no Parlamento, Pedro Puy, anunciaba o rexistro por parte do seu grupo da quinta das cinco leis prometidas, a de reforma do Consello de Contas. A norma crea unha nova sección no ente fiscalizador para outorgarlle competencias de loita contra a corrupción e amplía as súas competencias para, por exemplo, controlar as contas dos partidos políticos alén dos procesos electorais. Ademais, permite que a cidadanía presente directamente denuncias ante o Consello, que iniciará un procedemento a raíz das mesmas se coida que teñen "verosimilitude". Estas e outras novas funcións terán que ser desenvolvidas polo Consello de Contas sen contar con máis persoal, toda vez que o PP cre que é "suficiente" aínda que o propio conselleiro maior, o ex secretario xeral do PP e ex conselleiro Jesús Palmou, reclamou máis medios no caso de, como vai acontecer, ter que asumir novas competencias.

O Consello de Contas non terá máis persoal para aplicar a nova función de prevención da corrupción

Tamén foi presentada fóra do prazo prometido a nova lei de transparencia, anunciada polo presidente como "a máis avanzada de Europa" mentres o propio Goberno aínda incumpre a que xa está vixente dende 2006. A nova norma, que engloba as novas esixencias da lexislación estatal como a creación en internet dun portal único de transparencia, regula a publicación das declaracións de bens dos altos cargos e das súas posibles incompatibilidades, así como aspectos relativos ao traspaso de poderes entre gobernos, entre outros. A futura lei pasou polo Consello da Xunta en forma de anteproxecto o 19 de marzo, unha xornada despois de que vencese o prazo de 50 días, e prevese que entre en vigor, como moi cedo, despois do verán.

Feijóo prometeu a aprobación das cinco leis do plan en cincuenta días, prazo que vencía o 18 de marzo

Unha semana antes da lei de transparencia o Consello abordou, tamén como anteproxecto -isto é, aínda non como proxecto preparado para ser remitido ao Parlamento-, a futura lei de ordenación da asistencia xurídica da Administración xeral, que unifica nunha única norma as directrices que regulan a Asesoría Xurídica da Comunidade Autónoma e que, no ámbito da corrupción, fixa a imposibilidade de que os altos cargos incursos neste tipo de casos teñan asistencia letrada con cargo a fondos públicos. Esta norma vai na liña da xurisprudencia sobre o pagamento de avogados a cargos da administración local e chega despois do escándalo dos edís de Santiago que aprobaron que o Concello lle pagase a defensa a Adrián Varela, ex concelleiro imputado no caso Pokémon, caso polo que foron inhabilitados por prevaricación en primeira instancia e despois absoltos pola Audiencia Provincial.

Promesa imposible sobre o financiamento dos partidos

Mentres que ás devanditas tres leis aínda lles resta un bo camiño por delante as outras dúas xa iniciaron o trámite parlamentario. A que máis avanzado o ten é a de "financiamento de formacións políticas e de fundacións e asociacións vinculadas", aprobada polo Consello, esta si como proxecto, o 19 de febreiro e que se tramita na Cámara dende o 25 do mesmo mes. Esta norma, no entanto, chegou ao Pazo do Hórreo notablemente descafeinada a respecto da promesa presidencial. Despois de que, en varias ocasións, Feijóo prometese literalmente a "prohibición de doazóns aos partidos por parte de persoas xurídicas" a propia Xunta tivo que recuar e admitir que non conta con competencias para facelo, polo que unicamente poderá condicionar a concesión de axudas aos partidos que reciban achegas de empresa, unhas achegas que no ámbito galego practicamente non existen e que no Estado foron recibidas sobre todo polo PP nos últimos anos, segundo o Tribunal de Cuentas.

A Xunta tivo que admitir que non ten competencias para prohibir doazóns de empresas a partidos, como prometeu o presidente

O debuxo do prometido "impulso democrático" complétase coa quinta lei, a de "iniciativa lexislativa popular e participación cidadá no Parlamento de Galicia", canalizada a través do Grupo Popular e en trámite parlamentario dende o 16 de febreiro. Esta norma rebaixa o número de sinaturas para presentar unha iniciativa lexislativa popular e abre a posibilidade de que a cidadanía formule proposicións non de lei ou preguntas ao Goberno sempre e cando estas sexan asumidas por algún dos grupos políticos, o que na práctica supón formalizar algo que xa acontecía. Segundo Feijóo a entrada en vigor destas cinco leis servirá para "restaurar as pontes que nos conectan coa cidadanía e romper as que facilitan o labor dos indesexables".

Reunión do Consello da Xunta © Xoán Crespo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.