Feijóo insiste na austeridade e no rigor para conseguir o crecemento

Feijóo, nun acto do PP © PPdeG

Núñez Feijóo insiste na austeridade e no rigor. Con esas dúas receitas intenta recuperar a economía, até tal punto que este domingo, na presentación das bases do programa do PPdeG de cara ás eleccións do 21 de outuburo, asegurou que este estaba baseado no "déficit cero e o cento por cento de crecemento".

No acto de Compostela, o candidato conservador, ao tempo que volvía presumir de rigor, solvencia e axustes, aseguraba que "a primeira liña do programa e o primeiro obxectivo da lexislatura" será "toda a xente que o está pasando mal polo drama do paro e non lle cadran as contas para chegar a fin de mes". No entanto, matizou que non se pode "prometer utopías, pero si metas ambiciosas".

Feijóo insiste en que "Galicia crecerá antes que ninguén" co PP no poder

Á espera de que se faga público o documento específico do programa electoral, Feijóo volveu presumir da súa xestión baseada no rigor e o control do déficit, o que servirá, segundo el, para que nos vindeiros catro anos Galicia "creza antes que ninguén". "Propomos que Galicia chegue todo o máis alto pero mantendo os pés na terra", sentenciou, tras louvar "un proxecto para a sociedade que ten como destinatario a sociedade".

"Pero sen abandonar o rigor", insistiu Feijóo, que presumiu da construción de novas garderías, de "máis bolsas de estudo e menos taxas" na universidade, de inaugurar novos hospitais, de "render homenaxe aos maiores" con máis residencias e incluso de "máis pensións". Nada dixo, claro está, das promesas incumpridas que a oposición lle recorda día a día.

"Galicia é a terra máis solvente e autónoma de España", insiste o candidato conservador

Dado que "Galicia é a terra máis solvente de España" e "depende de si mesma", o candidato á reelección garantiu que cun Goberno do PP "despexarase a dúbida sobre a sustentabilidade dos servizos públicos". "Hoxe somos a comunidade máis autónoma de España e iso non nos impide estar comprometidos co ben común", afirmou, para aclarar que non concibe o autogoberno "para enfrontarse aos demais".

Así, destacou que este é un programa que "non obvia nin a situación de Galicia nin a de España", nin tampouco o déficit "que condiciona", nin os millóns de parados, nin as "urxencias de sectores produtivos". 

Do mesmo xeito, explicou que "hai catro anos" comprometeuse coa estabilidade, e agora avoga polo crecemento mediante a internacionalización, o investimento social, o apoio a emprendedores e a "todos os que teñan unha idea" para crear emprego.

"Por riba de todo está Galicia", destacou Feijóo parafraseando o lema de campaña da dereita. "Nós sabemos coa experiencia de goberno dos últimos anos cal é o punto de partida no que está Galicia a finais do ano 2012, e o que temos que facer até o ano 2016", subliñou Núñez Feijóo neste sentido.

Ademais, Feijóo mostrouse "orgulloso" do feito durante o seu mandato, así como de defender unha Galicia "libre, bilingüe, leal e diversa". Máis adiante, definiu ao Partido Popular como "garante de goberno" que non vai "contra a vontade maioritaria", fronte á opción "dun contragoberno".

O líder popular propón "un programa que resolva os problemas de Galicia e que non faga unha revolta interna para aínda crear máis problemas"

"Un goberno que non perda o tempo en poxar nin os seus programas, nin os seus principios, nin os seus valores, nin os cargos, nin as consellerías", reprochou á oposición. O líder popular propón "un programa que resolva os problemas de Galicia e que non faga unha revolta interna para aínda crear máis problemas a Galicia".

"Somos un gran partido porque permanecemos unidos e non axustamos contas entre nós", sinalou. E por iso, finalizou o seu discurso asegurando que o seu proxecto para volver á Xunta é "centrarse no importante", o cal identificou con: "Galicia, Galicia, Galicia". 

"Hai quen desde Galicia envexa situacións que se reproducen noutras comunidades autonómas, eu non", dixo Feijóo en alusión a Cataluña. "Eu non envexo aos que falan de independencia e logo son incapaces de xestionar unha autonomía", repetiu en alusión a Artur Mas e CiU, partido aliado do PP desde hai tempo en Cataluña e no Estado. 

Feijóo, nun acto do PP © PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.