Feijóo intensifica a súa campaña interna no peor momento de Rajoy

Feijóo, con Rajoy, De la Serna e outros cargos na ponte de Rande © Xunta

Alberto Núñez Feijóo está de novo na estrada. No peor momento político de Mariano Rajoy --afundido nas enquisas e co voto do centrodereita por primeira vez dividido tras o despegamento de Cidadáns que segue subido á onda da súa vitoria electoral en Catalunya-- o presidente da Xunta multiplica a súa presenza en entrevistas e almorzos informativos en Madrid. A última, este domingo no programa Salvados que dirixe Jordi Évole, un formato arriscado en La Sexta, a cadea de televisión na que --segundo repite aos seus íntimos-- menos cómodo se sente o dirixente galego.

Feijóo multiplica a súa presenza en entrevistas e almorzos informativos en Madrid, a última, este domingo en 'Salvados'

A xira empezara moito antes. O pasado 16 de xaneiro fixo dobrete, primeiro na cadea Cope con Carlos Herrera e despois en Televisión Española; o 25 de xaneiro visitou os estudos de Es Radio, con Federico Jiménez Losantos, unha emisora sen case oíntes en Galicia pero con predicamento no sector máis á dereita do PP; o 3 de febreiro acudiu a un almorzo informativo no Foro Europa Press e ao día seguinte foi entrevistado en La Vanguardia. En todas esas citas Feijóo descarta que estea na carreira pola sucesión do seu presidente estatal pero vai deixando titulares con veladas críticas internas ao discurso do PP ou á súa falta de capacidade para "vender as súas políticas". En realidade limítase a botar en falta algunhas das cualidades que lle atribúen a el os medios de comunicación máis afíns. Semellante exposición non pasou inadvertida a algúns dos seus rivais internos.

Feijóo descarta que estea na carreira pola sucesión de Rajoy pero vai deixando titulares con veladas críticas internas ao discurso do PP

Co PP sumido nunha profunda crise, tras ser última forza en Catalunya, e con sondaxes que ameazan o seu poder en varios dos seus feudos históricos, o presidente galego volve estar en todas as quinielas. É o único barón rexional (na terminoloxía do partido) que logrou tres maiorías absolutas na súa terra desde a súa chegada ao poder en marzo de 2009 e atravesando o peor da crise. El repetiu moitas veces que non se ve concorrendo a unhas cuartas autonómicas pero oficialmente mantén o seu compromiso de esgotar a lexislatura en Galicia, o que lle levaría ata o verán de 2020 e a non poder concorrer ás próximas xerais, que deben celebrarse uns meses antes, no caso de que non se adianten.

Un dos dirixentes que mellor o coñece asegura que Feijóo de momento está a se deixar ver. "Amosa ao seu partido pero tamén ao resto de votantes que hai unha opción no PP que pode axudar a eclipsar a Albert Rivera, que é un perfil en certo xeito parecido. Se un prevé que os orzamentos poden complicarse ata o punto de abocarnos a eleccións anticipadas en 2019, este é o momento axeitado para facerse presente e mostrarse. Faltaría un ano e Feijóo é un dos grandes activos do partido e sábeo".

A súa axenda multiplicou os actos e durante os días máis graves da crise en Catalunya Feijóo dedicouse a contrapor o modelo do seu "galeguismo cordial" fronte aos plans do secesionismo. Cada vez que ten ocasión deixa caer que Galicia é un dos poucos territorios nos que Ciudadanos non logrou representación. Nin un só escano. E a presenza nos concellos é testemuñal. Hai unhas semanas o mandatario galego abriu as portas do seu despacho aos representantes de Sociedade Civil Catalana, unha recepción que non pode explicarse desde a política galega, asegura o mesmo dirixente popular.

Feijóo abriu as portas do seu despacho aos representantes de Sociedade Civil Catalana, unha recepción que non pode explicarse desde a política galega

Consciente do clamor interno que pide decisións para frear o auxe de Cidadáns antes das autónomicas de 2017, Feijóo non foxe do combate directo con Rivera nalgunhas das súas comparecencias mesturadas con leves racións de autocrítica.  "Ciudadanos ten un conxunto de oradores bastante bos, pero non se coñece se xestionou algo algunha vez. Nós temos bos xestores e debemos mellorar a comunicación. Bos oradores fronte a bos xestores. Eu quédome cos bos xestores. Somos un partido que ten unha marca, non é un partido improvisado, estivemos cando perdemos as eleccións, cando as gañamos. [...] As cousas habémolas de facer mellor, o de Catalunya é un aviso profundo á nosa estrutura".

O diagnóstico é da súa entrevista en TVE o pasado 16 de xaneiro na que deixou caer que talvez chegado o momento Rajoy decida non presentarse á reelección, algo que é tabú no PP, por moito que algúns dos seus dirixentes dubiden de que sexa un acerto concorrer ás eleccións cun líder no que o 80% dos españois teñen pouca ou ningunha confianza segundo a enquisa do CIS de principios de febreiro. "Chegado aí, se el cre que a súa candidatura non é boa para o seu partido, probablemente decida non presentarse, se pola contra cre que a súa candidatura é boa para o seu partido, probablemente decidirá presentarse", respondeu Feijóo aquel día ás preguntas dos tertulianos na canle pública.

Quen fora o seu rival no congreso pola sucesión de Manuel Fraga, Xosé Manuel Barreiro, hoxe líder do PP no Senado, resta con todo importancia á sobreexposición de Feijóo na prensa de Madrid: "Se hai unha persoa leal a Mariano Rajoy ese o Alberto Núñez Feijóo, non é a primeira vez que sae en medios nacionais, non hai que sacar as cousas de contexto".

Un membro da dirección do PPdeG admite que o presidente está agora máis en medios estatais pero atribúeo a que a súa presenza xera interese e benefíciao en Galicia

Un membro da dirección do PP galego admite que o presidente está agora máis en medios estatais pero atribúeo a que a súa presenza xera interese e benefíciao tamén na política interna de Galicia. "É verdade que el ten tirón fose e iso tamén lle axuda aquí, pero non vexo esa operación para relevar a Rajoy", asegura.

En Génova 13 aseguran que Feijóo nin consultou a súa participación en 'Salvados' nin consensúa a súa presenza nos medios nacionais

Na sede central do partido, en Génova 13 aseguran que o presidente galego nin consultou a súa participación no programa Salvados nin consensúa a súa presenza nos medios estatais. Desde a dirección de comunicación da formación conservadora aseguran: "Nin Feijóo nin ningún outro presidente nos teñen que pedir permiso se queren facer unha entrevista a nivel nacional".

A prensa galega -na que practicamente non agroman as críticas á súa xestión- esforzouse en presentalo nas últimas semanas como o líder dunha fronte común xunto aos presidentes de Castilla y León, Asturias e Aragón onde as tres comunidades fan valer a suma de sete millóns de habitantes para facer forza no debate do financiamento autonómico. De portas cara a dentro non cren nas casualidades enmarcan esas fotografías dentro da súa propia campaña de autopromoción. E aínda que sinalan que Feijóo non protagonizaría ningunha operación para descabalgar a Rajoy si está disposto a deixar ver que no PP hai alternativas.

 

Non é a primeira vez

Non é a primeira vez que Feijóo se deixa querer. En 2013 cando aumentaban os peores titulares sobre o PP e os seus casos de corrupción, o líder galego descolgábase en Madrid con frases lapidarias: "Avergóñame Bárcenas", "ao PP fáltalle relato nesta crise", "temos que explicarnos mellor". Daquela, con todos os seus rivais chamuscados en distintos escándalos e sumarios, presentábase no panorama estatal como o único dirixente sen mácula no PP.

A relación de Feijóo co narcotraficante Dorado fixo que o presidente da Xunta dese un paso atrás no debate estatal

Pero esa mesma primavera coñecéronse os seus anos de amizade co narcotraficante Marcial Dorado e as súas viaxes ao mar e a montaña a mediados dos 90 cando Feijóo xa era o número dous da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia. Esa relación, desvelada por El País que o presidente nunca explicou convincentemente, e a nebulosa sobre uns presuntos contratos daquela administración durante o seu mandato coas empresas legais de Dorado que a oposición reclamou insistentemente no Parlamento galego, levaron o líder galego a replegarse no debate estatal.

Agora Feijóo está de volta disposto a dicirlle ao electorado que sente orfo no PP que hai recambio dentro sen pasarse a Albert Rivera. E ningún sitio mellor que o programa Salvados, un dos que máis prestixio na televisión actual, para deixar clara a súa mensaxe.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.