Feijóo irrompe na campaña catalá para porse como exemplo fronte a Artur Mas

Núñez Feijóo e Sánchez-Camacho, no Centro Galego de Barcelona © PP de Catalunya

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, irrompeu este domingo na campaña das eleccións catalás para criticar con dureza o presidente da Generalitat, Artur Mas, advertíndolle de que "axitando as bandeiras" non se resolven os problemas económicos nin se pagan as débedas. E fíxoo nun acto institucional do Centro Galego de Barcelona con motivo do seu 120º aniversario que acabou sendo convertido nun acto de campaña e ao que acudiu coa candidata popular, Alicia Sánchez-Camacho.

Feijóo advirte a Mas de que "axitando bandeiras" non se resolven os problemas económicos nin se pagan as débedas

Feijóo seguiu coa estratexia que ten marcada desde hai tempo para presumir de control de déficit e facturas pagadas fronte aos políticos que el considera irresponsables. Así, criticou que mentres os problemas persisten en Catalunya, "desaparecese a capacidade e a vontade para resolvelos de quen tivo a honra, o deber e a obrigación de gobernar a comunidade". Durante a campaña galega, o presidente da Xunta xa cargara contra Mas por dicir que mentres uns "pagaban" outros "pedían".

"Os políticos non están para axitar bandeiras, senón para pagar facturas", insistiu o presidente galego, que subliñou que un político non é superior a ninguén nin ten a verdade absoluta. Así, Feijóo chegou a poñerse como exemplo de gobernante honesto que explica a verdade aos seus cidadáns e logo de revalidar a súa maioría absoluta.

Feijóo púxose como exemplo por, segundo el, dicir a verdade aos galegos e non "culpar a Madrid" como Mas

"Gustaríame ter dito que todos os problemas dos galegos viñan de fóra e que non tiñamos nada que facer porque os culpables estaban en Madrid", ironizou Feijóo, que advertiu de que quen debaten constantemente sobre o territorio son os que menos se preocupan pola xente que vive nel.

Ao tempo, a líder do PP catalán animou os votantes a non deixarse intimidar "polo pensamento único", e a acudir ás urnas o 25 de novembro para impedir que se impoña o separatismo. "Non nos temos que deixar intimidar polo que nos quere impor outro pensamento único detrás dun Mesías", afirmou a candidata popular á Presidencia da Generalitat, que erixiu o PP como o garante de que se manteña a diversidade cultural e social en Cataluña. "Feijóo é o exempmlo de gobernante qeu non deu as cosstas aos problemas e que non aludiu a problemas externos", finalizou.

Sánchez-Camacho e Núñez Feijóo, en Barcelona © PP de Catalunya

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.