Feijóo lanza no Parlamento a campaña na que pedirá o voto para Cañete

Miguel Arias Cañete, candidato europeo do PP © PP

"Afortunadamente, a rápida intervención das autoridades españolas afastando o barco das costas fai que non temamos unha catástrofe ecolóxica, como sucedeu noutras ocasións, nin prevemos grandes problemas nas augas españolas nin para os recursos pesqueiros". Nos primeiros compases da catástrofe do Prestige o daquela ministro de Agricultura e Pesca do Goberno de José María Aznar realizaba este vaticinio a respecto do que acontecería co petroleiro. Miguel Arias Cañete foi tamén o ministro ao que lle tocou xestionar a crise das vacas tolas, o mesmo que negociou o acordo pesqueiro con Mauritania, a contestadísima lei da cadea alimentaria ou, máis recentemente, a Política Agraria Común contra a que protesta o agro galego. E agora é tamén o candidato para o que o PP galego, con Alberto Núñez Feijóo á cabeza, terá que pedir o voto na campaña das eleccións europeas.

Á espera de coñecer se a candidatura dos conservadores incluirá algún representante galego -en últimas datas todo apuntaba a que recuncaría Francisco Millán Mon, eurodeputado de escasa actividade na lexislatura que agora remata- o presidente da Xunta semellou lanzarse xa este mércores á precampaña para os comicios comunitarios. Fíxoo, concretamente, na sesión de control no Parlamento e cando lle respondía á vicevoceira de AGE, coalición que no 25-M está representada, precisamente, por unha candidata que é labrega de profesión, Lidia Senra, de Anova.

Cañete foi ministro durante as crises do Prestige e das vacas tolas

Dúas semanas despois de que o presidente desdeñase os datos de Cáritas sobre pobreza infantil Yolanda Díaz cuestionábao de novo ao respecto e instábao a explicitar as súas medidas para atallala. Feijóo aproveitou este contexto para, dúas horas antes de que Dolores de Cospedal anunciase a candidatura de Cañete, sacar a navalla electoral e defender que "con vostedes non teríamos a cota de benestar que temos, unha das mellores da Unión Europea". Esta afirmación, di, tíraa tras ler "as propostas para Europa" incluídas no programa electoral de Anova.

Feijóo aproveitou a sesión de control para cargar contra o programa de Anova

"Supresión do tratado da UE por responder á doutrina do capitalismo salvaxe", destaca o presidente. "Como galego lle digo qeu dende Europa recibimos 19.000 millóns de euros", engadiu. "Non pagar a débeda pública". Isto, asegura, implica "non pagar a Risga [Renda de Inserción Social de Galicia]". Outra proposta criticable para o conservador é a de "pechar Reganosa", porque significa "mandar en Ferrol maís xente ao paro". "Entre vostedes e nós hai unha gran diferenza, unha política social que se mantén cunha política económica", proclama, nun contexto no que, promete, a ría ferrolá terá encargos de buques tanto civís como militares.

Eloxios a Cáritas tras o desdén

Feijóo aproveitou tamén a súa resposta a Díaz para, dalgún xeito, recuar a respecto das devanditas críticas a Cáritas. O que a finais de marzo era materia prima para a "mentira" e o "insulto" agora é "falar dun gran labor social e de moitísima xente que, ao abeiro da Igrexa católica, plantexa subtituír a sociedade civil e as Administracións públicas". Malia tratarse da sesión de control ao presidente Feijóo optou neste punto, como adoito, por inverter o sentido das preguntas e instar a Díaz a "explicarlle á Cámara por que suprimiu todas as axudas a Cáritas" cando "era gobernanta en Ferrol", en referencia á súa etapa como concelleira.

Díaz: "O modelo do PP é o da pobreza"

"Agradézolle que rectifique -repuxo Díaz-, porque foi vergoñento que un presidente se dirixa así cara a unha ONG que traballa polo que vostede non atende". O "modelo" do PP, di, é "o da pobreza" e por iso pon o acento no incremento de orzamento da Risga. Neste punto, a tamén líder de EU en Galicia contrasta a actual política da Xunta non só coas propostas de AGE senón tamén coa política social do bipartito, que, di, financiaba prestacións para persoas en desemprego por importe de 32 millóns" e agora quedou en 4, censura.

Feijóo, na sesión de control © Conchi Paz

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.