Feijóo non nega un adianto electoral e prepara unha 'xira' por Sudamérica

Feijóo, tras o Consello da Xunta © Xunta

"A noticia é que non hai noticia". O presidente da Xunta respondía así cando, este xoves, foi cuestionado por enésima vez a respecto dun posible adelanto electoral en Galicia. Co curso parlamentario acabado de finalizar o país arrecende, aínda máis se cabe, a unha longa precampaña da que só resta saber cando concluirá e na que a literalidade das mensaxes gobernamentais falan de normalidade no calendario, pero os seus xestos e accións políticas apuntan a todo o contrario. Coa crise económica e os recortes arreciando, os cálculos dos conservadores variaron notablemente e xa poucos se atreven a asegurar que o ciclo alcista e hexemónico do PP non comezará o seu declive en Galicia. Neste contexto Alberto Núñez Feijóo non confirma, pero tampouco nega, que estea a pensar en anticipar a chamada ás urnas e, ao tempo, prepara unha viaxe a un territorio especialmente significativo en escenarios electorais apertados: Sudamérica.

O periplo poderíase estender tamén á Arxentina, previo visto e prace do Goberno central polo contencioso de YPF

Ao remate do Consello da Xunta deste xoves Feijóo esforzábase en restarlle importancia ao "tan manido asunto" do adianto xa que "neste momento os galegos non creo que estean moi preocupados" por el. "Ninguén me pregunta", asegura, nun contexto no que "se fixésemos unha quiniela sobre todo o lido e contado sobre adianto electoral, completaríamos unha quiniela de quince triplos". "O único que nos interesa da quiniela -procura ironizar- é o que vai pasar o domingo, se España lle gaña a Italia ou Italia lle gaña a España", engade. Pero, na mesma quenda de preguntas, o xefe do Goberno detallou un chisco máis o que avanzara na sesión de control parlamentaria do pasado mércores: en xullo toca cruzar o Atlańtico.

Tras queixarse reiteradamente de non ter podido dar "ningunha boa noticia" ao longo de todo o seu mandato nos últimos meses Feijóo tenta invertir esa tendencia esencialmente con dous argumentos: a "solvencia" de Galicia, polo seu 1,62% de déficit do pasado exercicio, e a posibilidade de lograr pedidos para o sector naval a través dun contrato coa mexicana Pemex cuxo contido a oposición reclama, polo momento sen éxito, coñecer integramente. É precisamente esa captación de investimentos, "abrir mercados", o asunto que oficialmente motiva a viaxe. Segundo Feijóo a única razón de que se produza en xullo é que neste mes hai "menos actividade parlamentaria" e os destinos están configurados en base aos intereses das empresas galegas, di. Así, bosquexa, no roteiro estará Uruguai, cidades brasileiras como São Paulo e Rio de Janeiro e "tamén, probablemente" a capital colombiana, Bogotá. No entorno presidencial non se descarta que o periplo se estenda á Arxentina, pero as tensas relacións diplomáticas co Estado español pola expropiación de YPF requiren o visto e prace do Goberno central, dado que o motivo do desprazamento de Feijóo é, precisamente, económico e empresarial.

En xullo o PP sacará músculo en Santiago, cunha convención que xuntará a máis de mil cargos conservadores

Nese mesmo entorno cobra forza a posibilidade de que, xunto ás reunións empresariais, o programa da viaxe inclúa tamén encontros coa colectividade galega neses países ou, o que é o mesmo, cos continxentes de emigrantes galegos que, en virtude da reforma da Lei Electoral, só poden participar nas eleccións a través do sistema de voto rogado, isto é, solicitando explicitamente que desexan exercer o seu dereito ao sufraxio. A reforma pactada por PP e PSdeG no pasado pleno do Parlamento non terá ningún efecto nas vindeiras eleccións galegas.

Mentres isto acontece sobre os cuarteis xerais dos populares en Santiago e Madrid pairan tamén outros factores a ponderar e emítense outros sinais. Entre os primeiros figura, por exemplo, o desgaste do Goberno galego como consecuencia da descomposición do sistema financeiro galego e, nomeadamente, da xestión en Novacaixagalicia, que levou ao propio presidente a dar o visto e prace á activación dunha comisión de investigación que ficaría en nada se, precisamenate, se adiantan as eleccións. Igual e fundamentalmente, tense en conta tamén a onda expansiva en Galicia dos recortes de Rajoy, os xa efectuados, como o novo copagamento farmacéutico, e os que están por vir, como a máis que probable suba do IVE. Polo momento, e mirando de esguello a procesos internos doutras formacións, como as primarias do PSdeG ou a conformación dunha nova forza no nacionalismo, os conservadores sacarán músculo en Galicia tamén no mes de xullo, cunha convención intermunicipal que xuntará en Santiago a máis de 1.000 cargos do partido e que, previsiblemente, contará coa presenza de Rajoy. 

Feijóo, tras o Consello da Xunta © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.