Feijóo non pecha a porta a 'intervir' Santiago con edís non electos

Feijóo, tras o Consello da Xunta © Xoán Crespo

A finais de 2003 o Goberno de José María Aznar sacou adiante a lei de medidas para a modernización do goberno local, máis coñecida como "lei de grandes cidades". Entre as disposicións desta normativa figura o reforzamento da Xunta de Goberno Local nos concellos, unha caste de poder executivo formado, como máximo, por un número de concelleiros e concelleiras equivalente a un terzo dos membros do pleno, excluído o alcalde ou alcaldesa. Dentro deste organismo, que xestiona a vida ordinaria do concellos, a lei permite incorporar ata un terzo de persoas que non ostenten a condición de edil, isto é, que non fosen elixidas nas eleccións pero que poden asumir unha área da xestión local. No caso de Santiago a Xunta de Goberno está formada por oito persoas e, polo tanto, ata dúas poden ser edís non electos. Esta é, segundo vén asegurando o PSdeG local, a vía que o PP prevé empregar para poñer orde no caos do gabinete de Ángel Currás. E Alberto Núñez Feijóo non o nega.

O voceiro dos socialistas composteláns, Francisco Reyes, afirmaba hai poucos días que o propio presidente da Xunta, farto da mestura de escándalos de corrupción e liortas internas, se dispuña a enviar dous "altos funcionarios" da Administración autonómica afíns ao PP que, ao xeito de "comisarios" políticos, se fixesen co control da situación sen desaloxar a Currás da cadeira da Alcaldía. Coa lei na man, isto é perfectamente posible. A única restrición para estes concelleiros non electos pola veciñanza é que non poden facerse co bastón de mando, pero si ter calquera outra competencia. Deste xeito, os conservadores poderían descargar nestas dúas persoas boa parte do peso político do goberno local, pendente dunha remodelación tras a marcha de Paula Prado para ser voceira do PPdeG e a renuncia de Albino Vázquez, en liberdade baixo fianza de 15.000 euros no marco do caso Manga.

A lei permite incorporar á Xunta de Goberno Local de Santiago ata dous edís non elixidos nas eleccións

E, que di Feijóo? Preguntado polo asunto ao remate do Consello da Xunta deste venres, o titular da Xunta non escapa un milímetro do argumentario que vén poñendo en escena o seu partido dende que os socialistas lanzaron a alerta. Incorporar edís non electos é unha "competencia indelegable dos alcaldes" e, polo tanto, é "aos alcaldes aos que lles corresponde tomar esa decisión". "Se fose alcalde de Santiago poderíalle dar a miña opinión", abondou o conservador quen, non obstante, debullou todo un catálogo de recados dirixidos ao Concello da capital.

Os edís non electos son cousa de Currás, pero el ten "a mesma vontade que hai unha semana", a saber: "colaborar coa xustiza" e estar "comprometidos coa gobernabilidade do Concello de Santiago". Porque o que hai que facer é "colaborar a fondo para que se siga investigando o que haxa que investigar", pero tamén "gobernar", para "darlles aos cidadáns a garantía de que imos seguir tomando decisións" ao tempo que, "se é necesario" se seguen "dando todas as explicacións". No que si que intervirá a Xunta, advirte, é para "apoiar sen límites a investigación xudicial" e, na súa condición de líder do PP, garante que "calquera persoa que teña ou poida ter interese persoal ou lucrarse dende un posto político, será expulsada do PP de Galicia e da corporación municipal".

Neste contexto, cabe preguntarse se Currás poderá exercer sen presións da cúpula do PP a devandita "competencia indelegable", toda vez que xa foi chamado á orde varias veces polo seu xefe de filas e por Alfonso Rueda. Se cadra, a decisión a respecto dos concelleiros non electos segue o mesmo curso que a petición pública de "desculpas" á cidadanía de Santiago tras as detencións de Albino Vázquez e de Ángel Espadas, o pasado día 14. Nesa xornada Feijóo esixiu en público que o goberno compostelán se desculpase ante a súa veciñanza e, apenas vinte e catro horas, Currás xa ofrecera desculpas en dúas ocasións, unha na sala de prensa do Concello e outra nunha entrevista radiofónica.

Feijóo, tras o Consello da Xunta © Xoán Crespo

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.