Feijóo: "Os parlamentos son igual de democráticos con 100 que con 60 deputados"

Feijóo, con Rueda no pleno extraordinario da Cámara © Conchi Paz

Feijóo non dá marcha atrás na súa tesoirada ao Parlamento. O presidente da Xunta defendeu este martes que "os parlamentos son igual de democráticos se son de 100, de 80 ou de 60" deputados. Así respondeu  o líder do PPdeG ás acusacións de PSdeG e BNG, que o acusaron de intentar consumar unha "fraude electoral" ou un "golpe de estado" logo de que anunciase a súa intención de reducir o número de deputados de 75 a 61 con ou sen consenso.

Logo dunha xuntanza cos novos responsables da fábrica de Clesa en Caldas de Reis, o xefe do Executivo galego asegurou tamén que non ten "nada máis que engadir" sobre unha proposta que está levantando críticas non só en Galicia, senón tamén por parte doutras formacións políticas do Estado.

"Non creo que a maioría das comunidades autónomas non queiran ser democráticas"

"En España, neste momento, a maioría das comunidades autónomas comprometémonos a reducir os gastos institucionais e os gastos políticos, da mesma forma que en Galicia diminuímos un 40% os membros do Goberno e creo que é un goberno perfectamente democrático aínda que sexa máis pequeno", argumentou Feijóo, que nada dixo dos beneficios electorais para o PP da posible reforma, nin da perda de pluralidade nin doutras alternativas de aforro.

"A maioría das comunidades autónomas están a expor unha redución dos seus deputados", insistiu Feijóo, que volveu presumir do apoio dos presidentes autonómicos do PP á súa tesoirada. "Non creo que a maioría das comunidades  non queiran ser democráticas", insistiu, tras manifestar que a democracia se reforza "coa representitividade e a representatividade refórzase co rigor e co respecto á xente que está en paro e aos desempregados e ás dificultades que están a pasar as familias e as empresas".

"O democrático é cumprir o Estatuto de Autonomía"

Así, lembrou que a Xunta reduciu nun 50% o número de altos cargos e subliñou que "os altos cargos son igual de democráticos se son 500 ou se son 250". "O democrático é cumprir o Estatuto de Autonomía", teimou. 

Alberto Núñez Feijóo © Ana Varela

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.