Feijóo pide agora que o PSdeG "dobregue" a Almunia na decisión do 'tax lease'

Feijóo, nunha xuntanza con Almunia en Bruxelas © Xunta

O naval galego ten unha forte ameaza sobre si. O departamento de Competencia da Comisión Europea está a piques de ditar a súa resolución definitiva sobre o tax lease, o sistema financeiro co que traballaban os estaleiros suspendido hai dous anos ao ser considerado ilegal polas autoridades comunitarias pero que durante anos estivo dentro do ordenamento xurídico español. As novas que chegan de Bruxelas din que o departamento que dirixe Joaquín Almunia vai forzar as empresas navais a devolver os cartos do tax lease, uns 2.800 millóns de euros que suporían un golpe mortal para o sector, segundo patróns e traballadores. Nesta conxuntura o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reclámalle ao PSdeG que "dobregue" o comisario.

A reclamación do titular do Goberno galego chegou este mércores durante a sesión de control, na que o socialista Pachi Vázquez o cuestionaba pola situación "social e económica" de Galicia, apoiándose en feitos como a suba do desemprego, a fin das caixas galegas ou a destrución do tecido industrial. Neste contexto Feijóo aferrábase a datos coma o incremento das exportacións ou o diferenza entre os datos de paro de Galicia e España cando lembrou que "nos próximos días haberá unha decisión fundamental, o tax lease" e esa decisión "chámase Joaquín Almunia, ten cargo, comisario europeo" e "pertence ao PSOE" obviando, non obstante, que quen lle outorgou o cargo foi o presidente da Comisión, José Manuel Durão Barroso, do PP europeo.

"Deixe de esconderse por tras de Almunia", retrucoulle Pachi Vázquez a Feijóo

"Deixe de esconderse por tras de Almunia", retrucoulle Pachi Vázquez, quen admite que "se vai tomar unha decisión importante no Colexio de Comisarios de Europa", onde "vinte dos vinte e sete" membros "son do Partido Popular Europeo", describe". "Sobre o PP non se preocupe, que me encargo eu", advertiu Feijóo, quen empraza a Vázquez a "encargarse dun comisario que ten unha competencia e vai facer unha proposta ao Colexio de Comisarios no ámbito das súas competencias". Segundo o presidente galego "o Goberno de España formulou e segue formulando unha solución en igualdade de condicións" co resto do continente, apelando ao "principio de confianza lexítima", isto é, que os empresarios españois cumprían a lei española.

Neste contexto, e ante a máis que real posibilidade de que a decisión de Competencia prexudique os estaleiros galegos, Feijóo reta a Vázquez: "Dado que vostede consegue dobregar o comité federal do PSOE facendo primarias, a ver se dobrega a un comisario para facer as cousas con sentido común". En caso contrario, o "afundimento do naval para sempre" vai levar "o selo do PSOE", conclúe.

Feijóo, nunha xuntanza con Almunia en Bruxelas © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.