En 2007 a Vicepresidencia da Xunta, co nacionalista Anxo Quintana á súa fronte, publicou no Diario Oficial de Galicia o nome de 30 toxicómanos aos que entregara axudas. O Goberno galego acabou sancionado case dous anos despois pola Axencia de Protección de Datos, pero ao día seguinte de coñecerse os feitos o número 2 do PP galego entón na oposición, Alfonso Rueda, cualificounos de “aberración xurídica que atenta contra principios constitucionais básicos” e “chapuza administrativa”. Agora a Consellería de Política Social vén de facer públicos nomes menores aos que paga tratamentos médicos, pero o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, di non saber nada do caso e limítase a pedir de xeito xenérico ao seu Goberno que cumpra coa lei de protección de datos.
"O que facemos ten que ser conforme á lei e á protección de datos", di Feijóo
A semana pasada Política Social divulgou en internet, en suposta aplicación da Lei de Transparencia, os nomes e apelidos de oito menores aos que paga tratamentos médicos e os dos farmacéuticos e odontólogos aos que llos abonou. A consellería que dirixe José Manuel Rey Varela admitiu o seu “erro” e borrounos cando foi informada do feito por Praza Pública, pero ningún cargo da Xunta deu explicacións públicas ao respecto, como o PP esixía en 2007 ao bipartito e logrou coa comparecencia do propio Quintana.
Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta deste xoves preguntóuselle a Feijóo polo feito, lembrándolle as duras críticas que o seu partido lanzara contra Anxo Quintana. A resposta do presidente foi que descoñecía os feitos polos que se lle preguntaba. Pero engadiu unha petición ao seu Goberno. “Todos o que temos que facer ten que ser conforme á lei e á protección de datos”, dixo Feijóo.