Feijóo presenta o PP como o partido da mocidade “inconformista”

Feijóo no acto en lugo con mozos das Novas Xeracións do seu partido Dominio Público PP de Galicia

Logo de meses criticando á oposición por, ao seu ver, ser un “caos” político fronte á “unidade” do PP, este venres o presidente e candidato Feijóo mudou de discurso para asegurar que “a xente que pensa por si mesma é a que cambia o mundo”. Así o dixo nun encontro en Lugo con mozos das Novas Xeracións do seu partido, aos que asegurou que as ideas do PP son as correctas: “As nosas ideas son as que triunfan, as ideas da liberdade”, dixo.

Logo de meses criticando á oposición por ser un “caos” político fronte á “unidade” do PP, di agora que “a xente que pensa por si mesma é a que cambia o mundo”

“Cada vez que vexo un mozo ou unha moza no meu país, dáme igual a quen vote”, asegurou Feijóo, quen di que, pola contra, os partidos da oposición tentan “teledirixilos” co seu “pensamento único”. Feijóo mesmo identificou ese “pensamento único” co bipartito de PSdeG e BNG aos que criticaba por non estar de acordo entre si. “Non hai que sinalar co dedo a aqueles que están en contra do pensamento único”, defendeu, senón “dicirlles que eles son os que van cambiar as cousas”. “Os que non están de acordo son os que cambian as cousas, os que se amosan inconformistas coas organizacións xuvenís politicamente correctas son os que poden cambiar as cousas”, engadiu, e a eles apelou para que vexan no PP o seu partido.

Feijóo di que o bus metropolitano gratuito para os menores de 19 non é electoralista porque "non poden votar"

Na súa intervención, Feijóo enumerou diversas medidas do seu Goberno para a xuventude, como a conxelación das taxas universitarias ou a gratuidade do transporte metropolitano para os mozos con menos de 19 anos, medida da que que se queixou das críticas recibidas: “Dáse a xente que non pode votar e din que é electoralista”, dixo, obviando aos mozos con 18 anos que si poden votar.

Logo de participar como tertuliano na noite do xoves en Madrid en 13TV, Feijóo asegurou este venres en Lugo que prefire “falar coa xente de Becerreá, Cervantes ou Navia que ir a unha televisión”. Tamén dixo que “ningún outro partido é capaz de xuntar tanta xente nova un venres pola mañá, só o fai o PP de Galicia”.

Feijóo con cargos de Novas Xeracións Dominio Público Novas Xeracións Lugo

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.