Feijóo preséntase como un “axitador social” que denunciou a crise que negaba Zapatero

Feijóo e Baltar paseando por Allariz diante de carteis do BNG e En Marea CC-BY-SA Praza Pública

En 2009, cando o Goberno socialista de José Luis Rodríguez Zapatero e o bipartito galego falaban de “pequena desaceleración” económica, “uns cantos axitadores sociais diciamos que estabamos nunha fonda crise”. Quen así se cualifica agora é o candidato do PP a revalidar a presidencia da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

En Xinzo de Limia, acompañado polo imputado presidente provincial José Mauel Baltar, que volveu lembrar o poder que acumula na súa circunscrición, Feijóo defendeu as políticas do PP en Galicia e no Estado para evitar o rescate económico fronte ás promesas inviable doutros. “Cando un político promete darlle a todo o mundo todo, está mentindo”, asegurou.

Feijóo tamén negou evidencias como que este a agochar as siglas do PP nesta a súa máis personalista campaña. “Eu non oculto as siglas, os que ocultan as siglas son outros, en Castela chámanse Podemos, aquí marea, pero quen manda é Pablo Iglesias”, dixo, ao tempo que criticou que “en Galicia o PSOE está disposto a que un representante das mareas de Podemos sexa presidente da Xunta co voto do PSOE”. Feijóo pechou a súa intervención pedindo aos seus simpatizantes en Ourense que traballen para que a provincia teña 9 deputados do PP (agora ten 8 de 14). “Se é así, eu págolle un café a todos”, asegurou.

Os contrincantes do PP “proceden do nacionalismo, polo tanto do século XIX”, di o presidente castelán e leonés, Juan Vicente Herrera

No mitin de Xinzo, como pouco antes en Verín, Feijóo estivo acompañado polo presidente de Castela e León, Juan Vicente Herrera, que en todas as campañas electorais adoita participar nalgún acto en zonas galegas fronteirizas coa súa comunidade como estas dúas ou Valdeorras. Na súa intervención, Herrera presentou a Feijóo como “un patriota” fronte ao resto de candidatos dos principais partidos, dos que salientou que “todos proceden do nacionalismo, todos veñen por tanto do século XIX”.

Paseo por Allariz

Feijóo, acompañado sempre por Baltar, deu un paseo electoral por Allariz con pouca expectación

Antes do mitin en Xinzo, Feijóo, acompañado sempre por Baltar, deu un paseo electoral por Allariz. A que segue a ser vila-símbolo do BNG recibiuno con frialdade, sen demasiada veciñanza querendo saudalo ou tirarse fotos con el cando o atopaban polas rúas, ao contrario do que é habitual na maioría de localidades. Porén, o PP local preparara unha comitiva de afíns o suficientemente numerosa como para que non se notara demasiado. A hora elixida, as cinco da tarde dun venres, con bo tempo, tampouco axudaba a encher de xente unhas rúas empapeladas coas caras das candidatas do BNG á presidencia da Xunta e pola provincia de Ourense, Ana Pontón e Noa Presas.

Juan Vicente Herrera acompañou a Feijóo nos mítines de Verín e Xinzo Dominio Público PP de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.