Alberto Núñez Feijóo volveu aproveitar a fin de semana para facer campaña polo Estado a favor do PP e para presumir da suposta boa situación na que se atopan España e Galicia. Así o dixo, desta vez nas Illes Balears, onde apostou este domingo por "consolidar" os "avances económicos e sociais" logrados, na súa opinión, nos últimos anos. O presidente foi aínda máis aló ao asegurar que estes avances "non serían posibles sen o PP" e que isto é algo que "a maioría da xente sabe".
Feijóo aposta por "consolidar" os "avances económicos e sociais" dos últimos anos e que "non serían posibles sen o PP"
Durante a convención do PP balear, Feijóo asegurou que o PP é o partido que "mellor representa a España" cando hai "momentos de dificultade". "Os mozos españois viven agora nun país que crece e crea emprego, cando non hai tanto tempo apenas tiñan oportunidades", aclarou, tras asegurar que hai "razóns obxectivas" para confiar nun bo resultado electoral do seu partido e logo de engadir que os feitos "falan a favor da xestión dos populares".
Cun elevado optimismo, Feijóo chegou a dicir que España rexistra "máis crecemento, máis emprego, máis servizos públicos, máis estabilidade e máis loita contra a corrupción". "Todo o mundo sabe que non sería posible con outro goberno que non fose o do PP", engadiu, tras destacar que os populares recoñecen os erros e dinlle á xente que se "equivoca". "Non somos infalibles", asegurou logo de presumir de que nunca se puxeron "tantos instrumentos" para que "ninguén poida aproveitarse da confianza dos cidadáns".
O presidente da Xunta di que en España hai "máis servizos públicos e máis loita contra a corrupción"
Ademais, Feijóo aproveitou tamén para alertar sobre a "importancia" de "non volver a gobernos anteriores". E volveuse acordar do bipartito, ao que puxo de exemplo de xestión "a golpe de improvisaicóns e bandazos". "Non se debe volver a eses tempos para esquecer", continuou, tras reocñecer o labor do presidente do Govern balear, José Ramón Bauzá, que tamén se fixou no presidente da Xunta para aplicar o seu polémico decreto lingüística na escola e que provocou as maiores manifestacións que se lembran nas Illas nos últimos anos.