Feijóo proclama a súa "decisión política de protexer o sector mineiro"

Feijóo, no seu escano © Xoán Crespo

"Imos protexer o sector mineiro". Dez días despois de que unha multitudinaria manifestación percorrese o centro de Compostela para rexeitar os proxectos de megaminaría o debate volveu da rúa ao Parlamento, por partida múltipla e co engadido de que o primeiro forzado a pronunciarse foi o presidente da Xunta. "Quere converter Galicia na esterqueira de Europa" cun "modelo económica de república bananeira", reprochoulle a vicevoceira de AGE, Yolanda Díaz, quen cuestionou a Alberto Núñez Feijóo sobre se, diante deste "espolio absoluto", vai "defender Galicia" ou "permitir que o capital transnacional nos arrase e deixe aquí os refugallos". E o presidente, desta volta, contestou.

"Este Goberno ten moi claro o que defende" e, "se me fala do sector mineiro con carácter xeral dígolle que o imos protexer" e ademais, segura, "cumprindo estritamente as leis". "O sector mineiro en Galicia ten futuro e a decisión política é apoialo". Se a pregunta é sobre "un proxecto concreto", o de Corcoesto, o presidente asegura que "se cumpre todo poderá ser, pero mentres non acredite que cumpre todo, non será". Mentres a consultoría que asesora a promotora da mina de ouro, Edgewater, augura que non terá problemas coas licenzas grazas ao "tremendo apoio político" do PP" Feijóo diferenza de facto este proxecto doutro, o de extracción de feldespato en Xinzo de Limia. Este, di, "non é posible" porque "non cumpre as leis e interrompe 246 explotacións agrarias". Por iso "non vai ser aceptada".

Feijóo anuncia o veto á mina de feldespato en Xinzo mentres o seu grupo evita reprobar a de Corcoesto

Despois de que Díaz ficase coa conclusión de que o Goberno seguirá adiante co "modelo de prostitución Eurovegas" que en Galicia "son as minas a ceo aberto" e tras o enésimo reproche de Feijóo á vicevoceira de AGE a conta da política de Izquierda Unida en Andalucía chegou outro debate, este específico sobre Corcoesto. Propiciouno o PSdeG, que a través de Francisco Caamaño instaba, cunha proposición non de lei, a "parar isto, parar a pensar no que queren facer, nos que viven" en Bergantiños "e nos que teñen que vivir no futuro". Pensar, en definitiva, reclamou, "no que supón ter un embalsamento de auga con arseniopirita triturada" e cianuro, todo isto "ao lado do mar" e previo "desvío dun río". 

As garantías que a Xunta lle pide a Edgewater son mesmo menores que as que reclamaba a lei mineira de 1868, di Caamaño. "Oxalá fosen liberais como os de 1868 e non vendedores de fume en 2013", lamenta, toda vez que, dende o seu punto de vista, o Executivo obvia a "saúde dos que viven alí" e "que van comer" e "beber" cando remate o período de explotación da mina. Nun sentido semellante, o nacionalista Francisco Jorquera tomou a palabra para instar o Goberno a atender o "clamor social" e deixar de "insistir nun proxecto que, aparte da súa forte afectación medioambiental, responde a un modelo de desenvolvemento nidiamente colonial". Con isto concorda tamén Antón Sánchez, de AGE, quen ademais acrecenta que as promesas de postos de traballo son "mentira". A empresa, "di que son 271 porque teñen que ser máis de 250" para ser un proxecto industrial estratéxico, "pero se alguén toma a molestia de ler a memoria do proxecto" verá "que unha vez transcorridos dous anos, serán 100 e a maioría de fóra", quedando para a poboación galega "os non especializados e mal pagados".

"O clima de alarma social non se corresponde coa realidade", asegura o PP

Pero ningún destes argumentos lle vale ao presidente nin tampouco ao seu voceiro no debate, Aurelio Núñez. Para o conservador o "clima de alarma social non se corresponde coa realidade, vista dende unha óptica científica". O problema, ao seu xuízo, é que os grupos da oposición e as plataformas ecoloxistas e veciñais difunden "información paracientífica"e "datos" cuxo "destino era audiencia técnica cualificada". "O proxecto está avaliado e a avaliación de impacto ambiental cumpriu todas a normativas". Así as cousas, a Xunta seguirá adiante co seu apoio a Corcoesto e mentres, o PP, ten claro que o BNG "non conseguiu nin ser oposición" en Cabana de Bergantiños e que agora o PSdeG rexeita tamén a mina non por "conciencia medioambiental", senón "por seguidismo dos nacionalistas", resolve.

Feijóo, no seu escano © Xoán Crespo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.