Feijóo, punta de lanza do PP contra a declaración catalá de soberanía

Feijóo, nun acto coa presidenta do PP catalán © PP Catalunya

Alberto Núñez Feijóo é un dos baróns autonómicos do PP máis reclamados polos seus homólogos doutras comunidades para acudir como paracaidista ás súas campañas electorais. Unha das líderes que con máis frecuencia reclama a presenza do presidente da Xunta é a catalá Alicia Sánchez-Camacho. Con ela e co líder do PP vasco, Antonio Basagoiti, Feijóo protagonizou unha das escenas máis controvertidas da campaña electoral de Catalunya no ano 2010, coa reedición do Pacto do Tinell en clave conservadora e sobre a base da defensa "da unidade de España". Este xoves, vinte e catro horas despois de que o Parlament de Catalunya aprobase a declaración de soberanía impulsada por CiU, ERC e ICV, Feijóo volveuse erixir en punta de lanza do seu partido na materia, neste caso contra a decisión do lexislativo catalán.

Ao remate do Consello da Xunta e a preguntas da prensa Feijóo declarouse "bastante escéptico sobre as casualidades", polo que "non cre casual" que "esta valoración -en referencia ao documento aprobado"- se "faga pública ás poucas horas de concretar que o déficit público de Catalunya excede en máis dun 50% que tiña para controlar o seu gasto público". Obviando que a declaración se viña negociando dende hai semanas, o titular do Goberno galego ve "acreditado" que "isto non é unha casualidade". Pero, en todo caso, para o conservador nada do aprobado o pasado mércores na Cámara catalá ten valor ningún.

"O único suxeito de soberanía que existe é o conxunto do pobo español", proclama Feijóo

"O único suxeito de soberanía que existe é o conxunto do pobo español", proclama Feijóo dende o atril de San Caetano. "Non hai ningún suxeito de soberanía distinto do conxunto do pobo español, é o único suxeito de soberanía en Europa", acrecenta. Por este motivo, na súa opinión a declaración de soberanía non debe ser valorada máis que como un intento do Goberno de Artur Mas para "buscar inimigos exteriores" e así ocultar a súa "incapacidade para xestionar" os asuntos públicos en xeral e as contas da Generalitat en particular.

As reflexións de Feijóo chegaban case ao mesmo tempo que o presidente da Comunitat Valenciana, Alberto Frabra (PP), aproveitaba a ocasión para lanzarlles un convite ás empresas catalás descontentas coa falta de "estabilidade política" derivada, ao seu xuízo, da aposta soberanista do seu Goberno. Segundo o substituto de Francisco Camps estas compañías poden ollar cara á súa comunidade como "unha oportunidade" e así fuxir da "cortina de fume para desviar a atención" que supón a declaración catalá. Ademais, di, a lexislación de Valencia favorece a creación de empresas, "veñan de onde veñan".

Feijóo, nun acto coa presidenta do PP catalán © PP Catalunya

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.