Tres días. É o tempo que Alberto Núñez Feijoo tardou en asumir que unha das razóns da perda de case 220 mil votos nas eleccións europeas deste domingo tivo que ver co impacto causado na poboación polos sucesivos casos de corrupción que implican a cargos políticos da formación. Se pouco despois de coñecerse os resultados o presidente da Xunta atribuía este descenso á "desmotivación" dos votantes populares e a que "non se xogaban os concellos, as cidades galegas, a Xunta ou o Goberno de España", este mércores apuntou a outra hipótese.
"Os asuntos relativos á corrupción teñen, sen dúbida ningunha, un peso non menor na decisión das persoas que votaron en branco, se abstiveron, votaron formacións inéditas ou non votaron"
"Os asuntos relativos á corrupción teñen, sen dúbida ningunha, un peso non menor na decisión das persoas que votaron en branco, se abstiveron, votaron formacións inéditas ou non votaron", afirmou en declaración á prensa. O PP foi o partido máis votado en Galicia, pero perdeu case 220 mil votos e quince puntos, obtendo o seu peor resultado dende 1989, e continuando a tendencia descendente que xa iniciara nas autonómicas de 2012 (cando obtivo 127 mil votos menos que nas galegas 2009 e 204 mil menos que nas xerais de 2011). De feito, nos comicios europeos deste domingo a caída do PP foi especialmente importante en dúas das cidades máis afectadas polas investigacións do caso Pokémon: A Coruña (perdeu 17,6 puntos) e Compostela (20 puntos menos).
Con todo, Núñez Feijoo quixo salientar que mesmo así o Partido Popular foi o partido máis votado en Galicia, e chamou a facer autocrítica "dende a vitoria": "É bo facer autocrítica dende a victoria e facela a tempo, para non ter que facela a destempo". Neste senso, propuxo que o PP porte a bandeira da "rexeneración democrática" e traballe por recuperar a confianza e a ilusión dos cidadáns no sistema: "no abonda con recuperar os indicadores económicos, senón que tamén hai que recuperar a ilusión cidadá nas institucións". De igual xeito, pediu que os populares fagan pedagoxía da necesidade das decisións adoptadas, coma os recortes en gastos e servizos sociais, e defendeu que deben "trasladar que faríamos o mesmo que eles, se estivesen no noso lugar".
Valoración de Anova: "A correlación de forzas moveuse cara á esquerda"
Anova saúda o "avance" das "organizacións, colectivos e persoas da esquerda rupturista" que "abre espazos á esperanza e fainos albiscar unha oportunidade"
Pola súa banda, a Comisión Permanente de Anova-IN valorou este mércores os resultados electorais rexistrados o pasado domingo. Anova saúda o "avance" das "organizacións, colectivos e persoas da esquerda rupturista" que "abre espazos á esperanza e fainos albiscar unha oportunidade". "A correlación de forzas moveuse cara á esquerda de tal xeito que, se cadra, o pasado domingo foron chantados os piares desa creba democrática pola que Anova apostou dende a súa constitución en 2012", salientan. Engaden, neste senso, que Anova seguirá a traballar na "procura de alianzas, de frontes amplas e populares, de unidade da esquerda fronte aos partidos do réxime", unha "posibilidade" e unha "necesidade" da que "por responsabilidade histórica non podemos fuxir".
Destacan igualmente o "obxectivo cumprido" de levar a Lidia Senra ao Parlamento europeo, "unha fabulosa e valiosa oportunidade para situar o noso país nesa fronte ampla das esquerdas europeas para enfrontármonos á troika".
"AGE debe medrar en calquera que sexa a fórmula sociopolítica que derive. A cidadanía é quen lidera e debe liderar o proceso. É a cidadanía a que decide que ferramenta usar"
Celebran que AGE se consolide como terceira forza política en Galicia e sobre a irrupción de Podemos, subliñan que "concibimos a acción política como cooperación e non como competencia", facendo unha aposta por ampliar a "fronte ampla": "AGE debe medrar en calquera que sexa a fórmula sociopolítica que derive. A cidadanía é quen lidera e debe liderar o proceso. É a cidadanía a que decide que ferramenta usar".
Engade a este respecto que "tomamos en conta, aínda que non estea no centro das nosas preocupacións, a redución en tres puntos da porcentaxe de voto á coalición –que asumimos por erros propios nestes tempos convulsos en todos os eidos–, pois que esta se ve traducida no avance de forzas tamén rupturistas e no beneficio da maioría social agredida". "O camiño está marcado. O réxime abanea", conclúen.