Un ano máis a entrega das Medallas Castelao, coas que a Xunta distingue desde 1984 a creación intelectual ou artística de personalidades galegas, volveu servir este martes para que o presidente Feijóo empregase no seu discurso frases do galeguista como aval das súas propias verbas obviando o contexto no que foron escritas ou pronunciadas. Coincidindo co XXXII aniversario do retorno dos restos de Castelao a Galicia, e xunto á súa tumba no Panteón de Galegos Ilustres, Feijóo apelou nesta ocasión a seguir construíndo a Unión Europea malia a recente decisión do Reino Unido de saír dela, e Castelao valeulle tanto para defender esa aposta como para criticar aos que se aledan dos problemas que atravesa a UE.
O discurso do presidente na entrega das medallas que levan o nome do galeguista volve obviar o contexto no que este defendía as súas ideas
Tras eloxiar a tradición europeísta de Galicia, que exemplificou no Camiño de Santiago, Feijóo comezou lembrando que Castelao xa “imaxinaba” no seu Sempre en Galiza uns “Estados Unidos de Europa”. Unha frase solta no discurso do presidente que está tirada do peche final do libro de Castelao: “Non temos ningunha fe nos hespañoes; pero témola en nós mesmos e nas ideias que profesamos. Estas ideias poden concretarse nos catro principios siguentes: a) Autonomía integral de Galiza para federarse cos demais pobos de Hespaña. b) República Federal Hespañola para confederarse con Portugal. c) Confederación Ibérica para ingresar na Unión Europea. d) Estados Unidos de Europa para constituír a Unión Mundial.”
Máis adiante no seu discurso, o presidente criticou tamén que “os dogmáticos envoltos en diferentes bandeiras senten unha inmensa ledicia diante dos problemas e dificultades que o proxecto europeo ten”, consideración propia á que engadiu a que “o propio Castelao replicaba a certos críticos sistemáticos dicíndolles 'non lle poñades chatas á obra mentres non se remata, o que pense que vai mal que traballe nela, hai sitio para todos'”.
Feijóo salientou que a UE “como calquera outra obra humana, non é irreversible”, e gabou a contribución á construción de Europa dos distinguidos este ano:
Coro Cantigas da Terra
Desta agrupación destacou Feijóo que “xa no ano 1954 sente a chamada de Europa e acode á Bretaña francesa para deixar patente unha comunidade cultural”, e engadiu que “cen anos de galeguidade contemplan un grupo que sente os primeiros aplausos no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, para seguir escoitando loas en Suíza, Alemaña, Francia ou nas terras americanas, cen anos nos que demostraron que se pode internacionalizar a nosa cultura e tradición, sen que perda a súa esencia e sen que deixe de ser propia”.
Alfredo Conde, escritor
Feijóo lembrou os diversos premios (Nacional de Literatura, Nadal) obtidos polo escritor e as súas traducións a diversos idiomas e salientou del que “condensa na súa escritura experiencias vitais que semellan novelescas, e que moitos lectores europeos adoptan como súas”. “Como mérito adicional ten o de participar na non sempre grata vida pública, deixando unha pegada digna de admiración, por exemplo, coa licitación do noso Centro Galego de Arte Contemporánea”, engadiu en referencia á etapa de Conde como Conselleiro de Cultura do tripartito.
Xerardo Estévez, alcalde de Santiago de 1983 a 1998
“Temos a Filippo Brunelleschi asociado a Florencia, gran parte da moderna Compostela está asociada a un arquitecto europeo chamado Xerardo Estévez Fernández”, gabou o presidente do tamén alcalde de Santiago, do que eloxiou que lograra implicar “o Goberno galego de Manuel Fraga e o Goberno de España de Felipe González” na creación do Consorcio de Santiago e da súa declaración como Patrimonio da Humanidade.
María Teresa Miras Portugal, neuroquímica
“Unha das estudantes do Centro de Neuroquímica de Estrasburgo, no centro de Europa, era María Teresa Miras Portugal”, dixo Feijóo desta científica da que destacou “a súa formación cosmopolita e unha experiencia de máis de corenta anos” que “fan dela unha autoridade internacional”.
Xosé Antonio Vilaboa Barreiro, enxeñeiro, escultor e presidente de casas rexionais
Feijóo salientou que o presidente da Federación Gipuzcoana de Casas Regionales, enxeñeiro de formación e artista de vocación, demostra “que a emigración non é desarraigo, nin tampouco illamento no lugar de adopción”. “O Peine del Viento, o gran símbolo europeo de Eduardo Chillida, contou coa colaboración deste enxeñeiro de Forcarei, escritor, debuxante, conferenciante e escultor”, exemplificou o presidente.