A sesión de control parlamentario ao presidente da Xunta é, dende hai dous meses, sinónimo de Marcial Dorado. Dende que o diario El País publicou as controvertidas imaxes de Alberto Núñez Feijóo co narcotraficante os grupos da oposición tentan, ata o momento sen éxito, obter explicacións completas do xefe do Executivo. Este mércores volveu acontecer e por partida tripla. PSdeG, AGE e BNG cuestionaron a Feijóo polas súas ligazóns co narco e, máis concretamente, polas relacións comerciais das empresas de Dorado co Goberno galego. Como en cada sesión, subiron a tensión, os decibelios e o nerviosismo. No medio da enésima lea, o presidente esfiañou o argumento que el mesmo fiara hai quince días: se hai dúas semanas aseguraba que nos arquivos da Xunta "non hai nada" anterior a 2003, desta volta solemniza que non houbo destrución ningunha de papeis.
A primeira aseveración neste sentido chegou tras a primeira pregunta, formulada polo secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez. "Como non é capaz de dar os datos dunha consellería [Sanidade] da que vostede era secretario xeral? Que está pasando? Que está ocultando?", inquiriu o socialista. Como adoita acontecer, o presidente respondeu preguntándolle á oposición. "Agora vén dicir non sei que dos arquivos; os arquivos da Xunta en 2005 vostedes os atoparon, eu os atopei no ano nove, eran os mesmos". "Vostedes destruíron documentos? Asegúrolle que non. Nos destruímolos? Asegúrolle que non", sentenciou despois de considerar que o PSdeG, neste asunto, se limita a "exercer de teloneiro doutros grupos que preguntan polo mesmo".
Vázquez: "Ou mente vostede ou mente o secretario xeral do Sergas"
"Se non se destruíron, por que non os trae aquí e os ensina?", repreguntou Vázquez, en cuxa opinión "ou mentiu" o presidente "na anterior sesión" ou "mentiu o secretario xeral do Sergas", cando dixo no propio Parlamento que existe a documentación, pero o seu volume a converte en "inmanexable". "Conteste!", escoitábase dende as bancadas da oposición cando chegou a quenda do voceiro do BNG, Francisco Jorquera, convencido, como Vázquez, de que quen "mente" é Feijóo. "Dixo que as normas de contabilidade só obrigan a ter os contratos dez anos, o cal é unha falsidade, cando ten previsto empezar a dicir a verdade?", preguntouse.
Jorquera: "O mellor servizo que lle pode facer a Galiza e ao seu partido é dimitir"
Como resposta, Jorquera obteu unha glosa das cuestións coas que o BNG "non está de acordo", a saber: a "Unión Europea", a "Constitución", os "tratados europeos"... O nacionalista, para Feijóo, "non di nada novo" e por iso "lle reitero todo o que dixen, sen emendas nin raspaduras". "Ou mente ou está admitindo a comisión dunha ilegalidade", reiterou Jorquera, toda vez que a Lei de Patrimonio Documental impide a destrución de documentos. "O mellor servizo que lle pode facer a Galiza e ao seu partido é dimitir", abonda o voceiro do Bloque.
Cando chegou a quenda da vicevoceira da AGE, Yolanda Díaz, xa choveran dende a Presidencia varias chamadas á orde, dúas delas dirixidas a Xosé Manuel Beiras -a terceira implica expulsión-. "Vostede mentiulle a esta Cámara e violentou o conxunto de arquiveiros deste país", afirmou Díaz. "Vai dicir a verdade?", cuestiona, convencida de que "tanto na Cidade da Cultura como na nave do Tambre", dous dos emprazamentos nos que se custodian arquivos da Xunta, "constan os documentos" que reclama a oposición. "Vainos entregar?", pregunta, porque ata o momento "só dixo que había neve, é a única verdade".
Feijóo sentenza que a AGE : "Só lle queda ir en coalición electoral co señor Dorado"
Igual que Jorquera, Díaz obtivo máis preguntas ca respostas. "Acaba de dicir que hai documentos na nave do Tambre e na Cidade da Cultura, segue dicindo que os hai e non os queremos ensinar?", cuestionou Feijóo, en cuxa opinión Díaz "oculta" que para destruír documentos "ten que funcionar unha comisión de selección que sinala os documentos que se teñen que manter", comisión que, por outra banda, expertos na materia sinalan que non funciona na Xunta. Con Beiras amosando a súa "indignación" dende o escano, Feijóo animou a AGE a "seguir dando este espectáculo" e Yolanda Díaz, instou a "dicir a verdade" e, acto seguido", "dimitir". "Leva catro plenos liderando a oposición e me dá a sensación de que é o único obxectivo que ten". Segundo Feijóo a AGE "só lle queda unha cousa, ir en coalición electoral co señor [Marcial] Dorado nas próximas eleccións", afirmación que foi contestada cunha pechada ovación na bancada conservadora. En dúas semanas, máis preguntas.