Feijóo reparte acusacións de mentir ante as críticas polos recortes educativos e Pemex

Feijóo, con Rueda durante o Consello da Xunta © Xoán Crespo

Coa precampaña xa lanzada as comparecencias do presidente da Xunta e candidato á reelección posteriores á xuntanza semanal do Consello navegan entre os anuncios dun Goberno que xa ergue o pé do acelerador no que a decisión se refire e o netamente electoral. Alberto Núñez Feijóo debullou este xoves ante os xornalistas cinco informes de tres consellerías sobre temas diversos -son documentos sen valor legal ningún pero que permiten ubicar na axenda pública do Executivo un asunto determinado- e decisións administrativas sen especial repercusión para o conxunto do país. Non obstante, a intensidade do ton presidencial subiu na quenda de preguntas, cando as cuestións formuladas pola prensa lle deron pé a baixar á area preelectoral en dous asuntos espiñentos: os recortes educativos e as dúbidas sobre os resultados prácticos do acordo da Xunta coa petroleira mexicana Pemex.

A primeira andanada tivo como destinatarios aos sindicatos, máis concretamente aos sindicatos educativos. Feijóo foi cuestionado polos cálculos das centrais sindicais que achegan aos 1.000 docentes o recorte nos cadros de profesorado para o curso académico que vén de comezar. "Vén sendo habitual que algunhas organizacións sindicais e partidos estean tentando dar cifras sen soporte, sen rigor e sen contraste", espetou Feijóo, quen asegura que dende a Xunta "cando temos cifras reais, dámolas". Neste contexto o presidente asegura que en educación primaria o curso 2012-2013 conta con "207 interinos máis". Na ESO ofrecerá o dato "entre finais de setembro e principios de outubro, cando estean todas as matrículas". En todo caso e malia non ter aínda as cifras o conservador apresúrase en lanzar a primeira acusación de mentir: a redución de profesorado "que din os sindicatos, non e verdade", di.

Feijóo "lamenta" que Pachi Vázquez exprese dúbidas sobre o acordo con Pemex "en lugar de facer novos acordos"

Tamén aos sindicatos, neste caso acompañados do candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, Pachi Vázquez, vai dirixida a segunda acusación de mentira. Neste caso a pregunta xiraba en torno ás dúbidas sobre a posibilidade de que os encargos de Pemex que, a priori, ían ser para estaleiros galegos rematen en Corea, tal e como advertiu o comité de empresa de Navantia. "Vén sendo habitual que cada quince días se pregunte por Pemex", retomou Feijóo, para quen o debate público sobre a cuestión "acredita perfectamente a responsabilidade de cada un". "Algúns estamos traballando para lograr investimentos e emprego, outros para desfacer as posibilidades", acusa, en referencia aos sindicatos e a Vázquez. Esta, di, é "unha forma de medir a responsabilidade de grupos políticos, de dirixentes políticos e dalgún dirixente sindical". Segundo o candidato á reelección a tradución práctica das conversas con Pemex irase vendo "semana a semana". Mentres, sen nomear a Pachi Vázquez, "lamenta" que "alguén que quere presidir a Xunta, en lugar de facer novos acordos, parece entusiasmado con que se desfagan".

No primeiro Consello tralo reinicio oficioso do curso político houbo aínda lugar para outra cuestión sensible, a reacción do presidente ante a anulación por parte do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) da supresión do concurso eólico do bipartito. Como xa fixeran outros dirixentes do Goberno e do PP o titular da Xunta non ve "ningunha novidade" nesta sentenza que, ademais, di, non ten "ningunha virtualidade operativa dende o punto de vista da seguridade xurídica" para as adxudicacións eólicas realizadas polo seu gabinete. En todo caso, zanxa, "a Xunta tomou unha decisión que foi refrendada polos galegos", porque "nos presentamos advertindo de que, de obter a maioría, anularíamos ese concurso".

Feijóo, con Rueda durante o Consello da Xunta © Xoán Crespo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.