Feijóo 'resucita' a ZP e o bipartito e Pontón lamenta que confunda "a realidade coa súa propaganda"

Feijóo, durante unha sesión de control no Parlamento © Ana Varela

O presidente da Xunta non remata de coller o ton parlamentario en 2012. Despois de que, na primeira sesión de control do ano, esvarase ao proclamar que "pasará á historia" como un "defensor da sanidade pública", Alberto Núñez Feijóo tentou solventar o seu segundo cara a cara coa nacionalista Ana Pontón e o socialista Pachi Vázquez, que o cuestionaban pola súa defensa dos "intereses de Galicia" e dos seus "servizos públicos", resucitando os seus dous demos familiares máis recorrentes: José Luis Rodríguez Zapatero e o bipartito, e mesmo unha mestura de ambos.

Como establece o funcionamento ordinario da Cámara, a primeira en preguntarlle ao presidente foi Pontón quen, como hai dúas semanas, supliu o feito de estar a comezar a andaina na portavocía cunha intervención elaborada. Para a voceira do Bloque, tres anos despois constátase o "fracaso" do Goberno de Feijóo, que vén dado "entre outras cousas, porque a súa prioridade nunca foron os intereses de Galiza", senón "serlle funcional á estratexia electoral do PP". "Agora, que gobernan os seus en Madrid, queda ao descuberto a súa indolencia", censura.

Pontón: "Agora que gobernan os seus en Madrid queda ao descuberto a súa indolencia"

O voto en contra a unha proposta do BNG no Congreso para construír o dique flotante de Navantia Fene, o financiamento da Lei de Dependencia que lle esixía ao Goberno socialista e non ao popular ou a supresión das primas eólicas levan a Pontón a preguntarse se o presidente "vai facer algo para defender a Galiza", e levan a Feijóo a recuperar varios dos seus clásicos parlamentarios. O BNG, di "non defende os intereses de Galicia" porque "apoiou o Goberno socialista durante dúas lexislaturas", "segue gobernando co PSOE" nos concellos e "votaron a favor" dos múltiples prazos do AVE mentres que o goberno de Rajoy  "licitou 1.000 millóns" da alta velocidade -realmente adxudicounos, porque xa os deixara licitados o ex ministro José Blanco-. Diante da argumentación presidencial, Pontón si concorda cunha das afirmacións máis reiteradas de Feijóo nos últimos días. "Nunca será un problema para España" pero si o é "para Galicia" nun contexto no que, recomenda, "debe deixar de confundir a realidade coa súa propia propaganda". Pero para o presidente, o problema é que o BNG desexa "a liberación nacional e un Estado socialista".

E se clásica foi a resposta a Pontón, clásica foi tamén a resposta a Pachi Vázquez, que aproveitou a proximidade do terceiro aniversario da vitoria electoral conservadora para lembrar o "fracaso" dos "cinco piares" cos que Feijóo chegou á Xunta, a saber: emprego, fusión das caixas, plan eólico, blindaxe dos servizos públicos e eficacia da Administración. Todo isto súmase, di, ao "ataque radical" que, asegura, están a sufrir os empregados públicos e ao "colapso sanitario". Por que en vez de andar de paseo por Andalucía non visita os hospitais do noso país?, pregunta.

Feijóo: "A Xunta non rebaixou un euro a ningún empregado público"

Fronte ao panorama debuxado por Vázquez, Feijóo confésase "satisfeito" coa súa propia xestión e, como xa fixera en anteriores debates, afánase en reclamarlle solucións ao líder socialista. "Se vostede ten ideas, nós as concretamos, se vostede ten propostas, nós as avaliamos [sic]". En calquera caso, reitera, os socialistas non poden "enganar" porque o Goberno de Zapatero lles rebaixou un 5% os salarios aos empregados públicos -"3.000 euros a un médico, 2.500 a un profesor, 2.000 a unha enfermeira", sintetiza- e ademais, di, o PSOE sufriu unha folga xeral. Mentres, a actual Xunta fai que a sanidade "traballe máis", constrúe "novos hospitais" e, asegura, "non rebaixou un euro a ningún empregado público", zanxa.

 

Feijóo, durante unha sesión de control no Parlamento © Ana Varela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.