Feijóo saca peito no derradeiro Consello antes das eleccións

Feijóo, coa conselleira de Facenda no Consello previo ao 21-O © Xoán Crespo

Xa acontecera no Consello da Xunta previo ao inicio da campaña electoral e repítese no derradeiro antes das eleccións. O actual Goberno galego reuniuse este xoves por última vez antes de pasar a estar en funcións e fíxoo cunha orde do día inzada de informes. Ata oito destes documentos sen validez legal pero que permiten colocar na axenda pública asuntos do interese do Executivo foron tratados antes de que Alberto Núñez Feijóo comparecese ante a prensa. Foi unha comparecencia con ton de balance na que o titular da Xunta recuperou unha das constantes da lexislatura, a comparación co bipartito, e desenvolveu un dos eixos da súa campaña á reelección, a "solvencia" das contas públicas.

A comparación co bipartito chegou pola banda da que fora un dos grandes argumentos de Feijóo na oposición: os incendios. O líder conservador expuxo os "datos comparados da lexislatura 2005-2009 coa 2009-2012", balance no que, como era de agardar, aínda pesan os devastadores incendios do verán de 2006, o segundo con PSdeG e BNG en San Caetano, no que o lume levou por diante máis de 70.000 hectáreas. Así, Feijóo asegura que na presente lexislatura arderon 77.000 hectáreas fronte a 161.000 da anterior" e o número de incendios foi un 20% inferior. Ao seu xuízo, isto implica que "os labores de prevención deron os seus froitos".

A Xunta aprobou a creación da Axencia Tributaria, anunciada catro veces ao longo da lexislatura

Pero, á marxe dos incendios, Feijóo non oculta ter "especial interese, como vostedes poden imaxinar" en expoñer "a situación do pagamento a provedores", isto é, un informe elaborado pola Consellería de Facenda que, asegura, acredita que Galicia é "a comunidade máis solvente de España". Entre os ecos do informe do Consello de Contas -pendente das alegacións da propia Xunta- no que figura o "desprazamento" de 400 millóns en facturas do exercicio de 2010 ao de 2011 o popular garante que pecha o mandato "coas contas en regra" malia ás "dificultades" e "tensións de tesouraría" acontecidas "nalgún mes". "Cumprimos o noso compromiso de pagar as facturas con máis dilixencia que na maior parte de España.

Sempre segundo ese informe de Facenda "o resultado" é que a "demora media" no pagamento de facturas está "no entorno dos 45 días". "Ademais -afirma- decidimos utilizar outro mecanismo que é priorizar os pagamentos aos autónomos, ás pequenas empresas e ás entidades sociais". Estas últimas, di, recibiron "446 millóns de euros" en pagamentos "nos últimos meses". Para completar a derradeira sesión antes das urnas, Feijóo anunciaba a aprobación, esta vez si, do decreto que dá luz verde á Axencia Tributaria Galega, unha promesa que se estendeu ao longo de toda a lexislatura -foi anunciada cando menos catro veces-, adiamento que o presidente define como un "reto" que "Galicia viña acariñando nos últimos anos".

Feijóo, coa conselleira de Facenda no Consello previo ao 21-O © Xoán Crespo

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.