Feijóo sitúa a Nava Castro en Turismo e líbraa das preferentes

Nava Castro, nun acto da Xunta © Ana Varela

Nava Castro xa non terá que escoitar máis protestas das persoas afectadas polas participacións preferentes, cando menos directamente. A que fora alcaldesa de Ponteareas e actual deputada polo PPdeG vén de ser nomeada secretaria xeral de Turismo, en substitución de Carmen Pardo, o que implica que non recuncará como directora xeral de Comercio, cargo que a situou durante a pasada lexislatura autonómica como máxima responsable do Institugo Galego de Consumo, organismo que xestiona os proceso de arbitraxe das devanditas preferentes.

O de Nava Castro foi un dos nomes máis repetidos nas protestas das preferentes dos últimos meses. Así, segundo un dos voceiros das plataformas de afectados, Xulio Vicente, a alto cargo -agora con dependencia orgánica directa do presidente da Xunta-, "catro días antes das eleccións" do 21 de outubro "prometeunos, diante do alcalde" do Rosal "e de seis afectados, que se o PP ganaba as eleccións habería arbitraxe para todos". Unha vez pasadas as eleccións, aseguraba Vicente o pasado novembro, Castro "negounos o que nos prometera".

Así as cousas, resta saber quen é a persoa elixida para poñerse á fronte de Consumo. Mentres, dende Turismo, Nava Castro pasa a ocupar un posto de aínda maior relevancia institucional que aparca aínda máis a súa etapa como alcaldesa de Ponteareas (2000-2003) pero non polo PP, senón pola Unión do Condado Paradanta (UCPA), o partido fundado polo seu pai, José Castro, tras ser expulsado das filas populares a causa dunha condena por contratar ilegalmente a máis de vinte persoas no consistorio.

Castro foi herdeira política do seu pai, alcalde franquista de Ponteareas

O PPdeG repescou a Nava Castro en 2008, cando formou parte das listas do partido para as eleccións xerais. Antes comandara UCPA como herdeira política do seu proxenitor, alcalde da vila primeiro colocado pola ditadura dende 1968, despois como representante de Alianza Popular e máis tarde polo PP. Entre os fitos da súa xestión, ademais das contratacións irregulares polas que foi condenado polo Supremo, destacou a colocación dun busto de Franco na vila cando xa morrera o ditador.

Nava Castro, nun acto da Xunta © Ana Varela
Castro, nun mitin de UCPA © Galicia Digital

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.