Feijóo sitúa nas municipais do ano pasado a fin do devalo popular en Galicia

Feijóo na súa comparecencia deste luns para analizar os resultados electorais Dominio Público PP de Galicia

“A partir das municipais de 2015 o partido foi virando” e “probablemente o conxunto desas decisións nos acercan a este resultado electoral”. Nese momento, nas eleccións locais de hai un ano, nas que o PP galego obtivo, xunto coas europeas de 2014, os seus peores resultados en Galicia desde que existe con esas siglas, sitúa Feijóo o punto de inflexión do devalo popular en Galicia e a orixe desta vitoria. Os cambios que introduciu a partir de entón tanto na Xunta como no PP estiveron encamiñados, segundo recoñece, ao seu principal obxectivo, estas eleccións autonómicas nas que vén de obter máis do 47% dos votos. Con ese poder, este luns Feijóo permitiuse avalar a Mariano Rajoy como candidato do PP a unhas posibles terceiras eleccións xerais. El, asegurou, permanecerá en Galicia catro anos aínda que se produza algún tipo de “situación excepcional” a nivel estatal.

O presidente galego avala a Rajoy para unhas novas eleccións xerais e insiste en que permanecerá en Galicia catro anos aínda que se produza algunha “situación excepcional”

En clave galega, Feijóo referiuse aos cambios que introduciu tanto no seu goberno como na estrutura do PP galego a partir das municipais de 2015, cando os populares só foron quen de conservar unha das sete cidades (Ourense) ao tempo que as mareas municipalistas se facían co goberno da Coruña, Santiago e Ferrol e o PSOE lograba en Vigo, a súa cidade, a maioría absoluta máis grande de toda a España urbana. O maior perfil social que lle quixo dar ao seu goberno logo de anos de recortes e unha remuda nas direccións provinciais estarían por tras do ascenso popular. Porén, preguntado polo novo goberno que constituirá logo desta vitoria, Feijóo evitou dar pistas e asegurou que non o desvelará ata que sexa investido formalmente presidente da Xunta, días despois da constitución do novo Parlamento de Galicia o próximo 21 de outubro. Será un goberno, dixo Feijóo, comprometido a cumprir o seu programa electoral e ao que se lle poderán pedir responsabilidades se non o fai. Segundo dixo, este domingo “ningún galego foi derrotado, toda Galicia gañou”.

En clave estatal, este luns a Feijóo os medios de comunicación preguntáronlle de xeito insistente pola posibilidade de que estes resultados o leven a dar o salto á política madrileña. Antes da quenda de preguntas o propio líder do PP galego asegurara que “España mira con interese a Galicia” e que “Galicia pode ser unha solución para España”. Pero nas súas respostas Feijóo insistiu en desbotar esa posibilidade. “O meu compromiso son catro anos, e aquí estarei catro anos”, asegurou.

Segundo Feijóo, os galegos "deron a espalda" a "o modelo de podemizar e fuxir da socialdemocracia"

Cando se lle preguntou pola posibilidade de que algunha “situación excepcional” puidera facelo cambiar de opinión, o presidente galego rexeitouno e foi virando o seu discurso ata asegurar que “o lóxico é que haxa Goberno nas próximas semanas”. De non ser así, “haberá eleccións e o noso partido ten claro”, dixo, que non cometerá o “erro” de cambiar a Rajoy como candidato xa que “acaba de gañar as eleccións”. En todo caso, Feijóo amosou a súa esperanza en que os socialistas permitan “que Rajoy poida superar unha segunda sesión de investidura”.

Sobre a situación no PSOE, Feijóo dixo que non é quen para darlle consellos, pero a continuación fíxoo e asegurou que “podemizar o PSOE non é o futuro do PSOE”. Segundo o presidente galego, os socialistas “deberían escoitar” que “os galegos e vascos deron a espalda” a “o modelo de podemizar e fuxir da socialdemocracia” na que, ao seu ver, deberían permanecer os socialistas. Unha socialdemocracia na que o propio Feijóo sitúa algunhas das súas políticas, segundo asegurou nesta campaña.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.