Feijóo suxire que Podemos "permite" atentados como os de Bruxelas

Concentración ante a sede da Xunta en solidariedade coas vítimas de Bruxelas © Conchi Paz

Os atentados no aeroporto e nunha estación de metro de Bruxelas que mataron unha trintena de persoas seguiron xerando reaccións este mércores no eido político e social, manifestadas principalmente en concentracións de condena dos feitos e de solidariedade coas vítimas. Tamén as principais institucións galegas acolleron actos de rexeitamento da violencia e de achegamento ao pobo belga en concellos, no Parlamento ou na sede central da Xunta, onde o presidente, Alberto Núñez Feijóo, chamou a non aceptar "de ningún xeito, calquera fanatismo criminal que poida acabar coa vida de cidadáns inocentes". No entanto, ao remate da reunión semanal do seu Goberno Feijóo combinou esta mensaxe con outra na que suxeriu que Podemos, ao non ser asinante do pacto antixihadista, está a "permitir" atentados como os de Bruxelas.

Tras comezar a súa intervención ante a prensa coa devandita mensaxe solidaria o xefe do Executivo foi cuestionado polos xornalistas a respecto do sucedido. Aínda que a pregunta formulada non apuntaba á posición de partido ningún Feijóo considerou que a sociedade se está a enfrontar a atentados "contra os europeos" ante os que "non hai posicións de morneza". "Ou se está en contra de que nos queren matar ou hai que explicar unha posición de certa permisividade de atentados terroristas, de xente que quere matar cidadáns europeos por ser euroepos, non por ningunha outra consideración", afirmou.

Diversas institucións galegas acolleron este mércores concentracións de rexeitamento aos atentados

Nesta liña, o presidente da Xunta expresa o seu "desexo" de que "todos esteamos no pacto contra o crime, contra o crime organizado, contra o crime xihadista", en referencia ao acordo asinado inicialmente por PP e PSOE e ao que despois se sumaron outros grupos. Así, Feijóo indica que "nos sorprende que haxa algún partido", en referencia a Podemos, que "quere formar parte do Goberno de España" pero estea "simplemente de observador", posición que a formación que lidera Pablo Iglesias solicitou para manter o "diálogo" malia non asinaren o texto por opoñérense a medidas que, ao seu xuízo, restrinxen liberdades cidadás, así como á cadea perpetua revisable, da que o PSOE tamén se desmarcou tras secundar o conxunto do pacto.

Feijóo: "Ante o crime non se pode estar de observador; ou se está en contra ou, pola contra, se permite"

Diante desta posición Feijóo considera que a posición de cada forza a respecto do pacto é sinónimo da súa postura a respecto do terrorismo mesmo. "Ante o crime non se pode estar de observador; ou se está en contra ou, pola contra, se permite". "E ante o crime -razoa-, afecte a quen afecte, hai que estar sempre en contra", e ante el "a unión dos Estados, das forzas e corpos de seguridade, da intelixencia, é clave", dado que o risco "é máximo" e "calquera cidadán ou calquera cidade europea pode estar ameazada polo fanatismo".

Dende o punto de vista do tamén líder do PP galego non secundar o acordo, cuxos asinantes -e Podemos, na devandita calidade de "observador"- se reuniron este martes en Madrid, supón obviar que "temos un grave problema". "As guerras convencionais coñecidas -debulla- deixaron de existir en Europa e estamos ante conflitos novidosos, moi difíciles de solucionar e cun risco alto". Isto, advirte, tamén afecta, por exemplo, á cidade de Santiago, "que é unha das capitais de Europa", ou a conxunto de Galicia, "que acolle a milleiros de cidadáns de toda Europa".

Feijóo, este mércores tras o Consello © Conchi Paz

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.