"Feijoo ten o seu propio Bárcenas a 50 quilómetros da súa casa", segundo o PSdeG

Pablo García, secretario de organización do PSdeG CC-BY-SA PSdeG

O Secretario de Organización do PSdeG-PSOE, Pablo García, ofreceu unha rolda de prensa esta mañá en Ourense para valorar as accións dos socialistas a respecto da investigación sobre as contratacións presuntamente fraudulentas realizadas por Baltar. O día no que o PPdeG comeza o seu congreso Pablo García esixiulles a Dolores de Cospedal e a Mariano Rajoy que se pronuncien sobre a investigación e tamén afirmou que consideraba a Feijóo e a Rueda "cómplices" por "convivir e consentir catro anos esta situación". Para o socialista, “non existe un PP bo e un PP malo”, senón máis ben que o primeiro “é cómplice do que está pasando e leva pasando moitos anos” na provincia de Ourense.

Pablo García considera a Feijóo e a Rueda "cómplices" por "convivir e consentir catro anos esta situación"

De feito, seguindo o fio aberto polo escándalo en relación ás prácticas do ex tesoureiro popular Luis Bárcenas, Pablo García criticou que Feijóo se amose "indignado se se lle pregunta polo extesoreiro do PP", cando "ten o seu propio Bárcenas a 50 quilómetros do seu domicilio”, en alusión ás contratacións de Baltar. García esixiulles aos populares que, aproveitando o congreso que celebran esta fin de semana, expresen “a súa determinación de erradicar a corrupción do PP galego, porque teñen aquí casos tan sangrantes e escandalosos como o de Bárcenas”. Finalmente, a Alfonso Rueda, conselleiro da Presidencia, "e polo tanto sobre quen recae a responsabilidade de supervisar as deputacións", recriminoulle que leve catro anos sendo “cómplice destas actuacións”.

Os socialistas afirman que todos os deputados provinciais do PP -agás o alcalde de Avión- teñen relación directa coas persoas cuxa contratación pola Deputación se investiga

En canto ao proceso concreto da investigación ao redor das contratacións realizadas por Baltar, o PSdeG-PSOE anuncia que lles pedirán un informe á Secretaría da Deputación porque consideran que 14 dos 15 deputados provinciais do PP que este venres votaron en contra de que o ente investigue o caso puideron incorrer en prevaricación ao votar un asunto "gardando parentesco, consanguinidade ou afinidade coas persoas afectadas". Os socialistas afirman que todos os representantes populares -agás o alcalde de Avión- teñen esta relación directa coas persoas cuxa contratación pola Deputación se investiga.

Pablo García, secretario de organización do PSdeG CC-BY-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.