Feijóo tenta un achegamento a Leiceaga e desdeña por radicais a En Marea e BNG

Monitores de televisión recollen unha das intervencións de Feijóo na investidura © Parlamento de Galicia

O candidato popular eloxia, por veces de xeito irónico, ao socialista e a “solidez” do seu discurso e ábrese a negociar coa oposición en materia demográfica

Lonxe do ton institucional do seu discurso inicial do pasado martes, a contrarréplica de Feijóo este xoves ás intervencións dos portavoces de En Marea, PSdeG e BNG na sesión da súa investidura baseouse na crítica á oposición. Ao igual que veu sucedendo de xeito habitual nas sesións quincenais de control ao Goberno dos últimos oito anos, nesta apertura de lexislatura o líder popular optou por fiscalizar á oposición e criticar o goberno bipartito que rematou en 2009 máis que por expor as súas propostas. Porén, abriu as portas a negociar co resto de grupos en materia de revitalización demográfica e tentou presentar ao portavoz socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, como a oposición sensata fronte ao radicalismo que atribúe a En Marea e BNG.

“Non compartimos a diagnose pero as preocupacións son comúns”, iniciou Feijóo a súa réplica á oposición, para engadir que “é máis o que nos une que o que nos separa”, polo que invitou ao resto de grupos a “traballar” xuntos. Sobre o que xa anunciou que será o seu último mandato, Feijóo tentou afastar as expectativas sobre o seu futuro político e asegurou que “a esta altura biolóxica e política da miña vida, non teño ningún outro interese que ser militante de Galicia”, fronte ao resto de portavoces da oposición que, dixo, se presentan como “candidatos do seu partido”.

Feijóo tentou afastar as expectativas sobre o seu futuro político e asegurou que “a esta altura biolóxica e política da miña vida, non teño ningún outro interese que ser militante de Galicia”

En resposta directa á portavoz nacionalista, Ana Pontón, Feijóo amosou a súa disposición a negociar un plan de retorno de emigrantes que tanto PP como BNG salientaron como puntos relevantes nos seus programas. En materia lingüística, o popular contestoulle á nacionalista que nunca antes tantos cidadáns entenderon o galego e dixo que o goberno non pode “obrigar” aos cidadáns a falalo senón só garantir que o coñecen.

Ao socialista Leiceaga, Feijóo agradeceulle “a abstención do seu partido no Congreso dos Deputados” que facilitou a investidura de Mariano Rajoy como presidente do Goberno central e lembroulle que o PSOE reformou a Constitución cun trámite de urxencia e “en agosto” para garantir o control do déficit. Nese acercamento irónico aos socialistas fronte ás críticas máis incisivas a En Marea e BNG, o popular salientou que o de Leiceaga -ao que mesmo chegou a eloxiar o seu “patriotismo” en defensa de España- foi o discurso “máis sólido dos escoitados na Cámara”. No seu caso, como fixera coa nacionalista Pontón co retorno de emigrados, amosouse disposto a chegar a algún acordo en materia demográfica. Xa pola tarde, na súa segunda intervención, e logo dos eloxios que Feijóo lle dedicou durante todo o debate -“digno”, “sólido”, “respecto”, “coherente”, foron algunhas das súas verbas cara o socialista-, Leiceaga tentou distanciarse algo do popular. O socialista deulle as grazas a Feijóo “por esas palabras tan amables que dedicou ao noso partido e a min mesmo”, pero considerou que “hai amores que matan”.

Co portavoz de En Marea, Luís Villares, foi co que Feijóo empregou un discurso máis agresivo e displicente. Comezou pedíndolle que se desculpase polas críticas aos votantes do PP lanzadas hai semanas nunha rede social polo deputado de En Marea no Congreso Miguel Anxo Fernán-Vello, que o propio implicado retirara no seu momento. Feijóo dedicou boa parte da súa contrarréplica a Villares a criticar os gobernos municipais das mareas locais. No seu caso, ao contrario que no dos portavoces de PSdeG e BNG, Feijóo non ofreceu acordo ningún.

De xeito paradoxal, fronte ao ton máis agresivo de Feijóo, o portavoz do PP, Pedro Puy, foi máis institucional

De xeito paradoxal, fronte ao ton máis agresivo de Feijóo, o portavoz do PP, Pedro Puy, foi máis institucional e defendeu o programa proposto polo candidato popular como unha “continuidade” do “proxecto iniciado en 2009 e impulsado en 2012”. Puy salientou que cando o PP estivo na oposición, apoiou 20 leis impulsadas polo bipartito, mentres que na última lexislatura a oposición só apoiou unha lei, a da área metropolitana de Vigo. Segundo Puy, Feijóo “fuxiu da soberbia e da arrogancia” e, fronte ás criticas de corrupción no PP lanzadas desde a oposición, o portavoz popular recorreu a Aristóteles para dicir que a forma máis avanzada de corrupción é “a demagoxia”, que atribuíu ao resto de grupos fronte ao seu que, concluíu, “representa a maioría social de Galicia”. Algo máis duro e menos institucional foi Puy na súa intervención vespertina, na que centrou as súas críticas na persoa de Villares e nos “círculos das mareas”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.