A tensión dos tristemente célebres mercados trasládase de novo ao Parlamento de Galicia. Unhas horas despois de que a presión da especulación financeira puxese as finanzas españolas de novo contra as cordas mentres, no Senado, Mariano Rajoy fuxía das preguntas da prensa, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, enfrontábase a unha sesión de control centrada na economía ou, o que é o mesmo, na súa gran baza á hora de expoñer os seus propios logros tras tres anos de mandato. Co recorte de 10.000 millóns de euros en educación e sanidade do Goberno central pairando sobre a Cámara o secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, preguntáballe ao presidente se entra nos seus plans "tomar decisións para reactivar economicamente este país", elixir entre ser "o presidente do copagamento ou da reactivación económica". O líder socialista recupera neste contexto propostas concretas: un plan de emprego para a mocidade e "blindaxe" dos servizos públicos a través de novos impostos para a banca e as rendas altas. Como acontecera no debate de política xeral, a iniciativa do PSdeG atopouse co desdén do xefe do Goberno.
Vázquez reclama novos impostos á banca e ás rendas altas e Feijóo retruca que "nin en 'Carballino' o cren xa"
Ancorado na crítica ao gabinete de José Luis Rodríguez Zapatero, Feijóo situou por seis veces a economía española "ao bordo do precipio" ou do "abismo" a causa, di, das políticas aplicadas polo PSOE. Pero neste contexto, insiste, "Galicia está mellor ca o Reino de España" e, polo tanto, non hai lugar para as modificacións tributarias lanzadas por Vázquez, reducidas por Feijóo á categoría de ocorrencia. O titular da Xunta recompila diversas propostas do PSdeG nos últimos meses para, como xa ten acontecido en anteriores sesións, inverter os termos da sesión de control e lanzar preguntas á bancada opositora.
"Cales son as medidas de estímulo?", pregunta Feijóo e, entre unha censura frontal ás medidas máis polémicas de Zapatero, como a redución de 400 euros no IRPF "para todos" ou o "cheque bebé", cuestiona se os socialistas galegos queren agora recadar "200 millóns de euros" en novos impostos, como "en decembro", ou facer o propio con 500, "como plantexaba en marzo". "Con cal quere que quede? Depende da pregunta parlamentaria e da semana na que se lle ocorre", descualifica". "Suba os tramos do IRPF" ás rendas altas, "non lle teña medo á banca e aplíquelle un novo imposto, traballe como presidente e non se renda, dobrou o xeonllo", censura Vázquez". "Deixáronnos un país chego de problemas económicos, laborais e financeiros, que nos sitúa ao bordo do precipicio", insiste Feijóo. "Nin en Carballino o cren xa", retrucoulle ao socialista".
O conflito das preferentes no hemiciclo, na tribuna e nos corredores
Ana Pontón e os afectados reclamáronlle ao presidente "solucións" pola "estafa" dos "aforros de toda unha vida"
Pero para Vázquez quen "vén a esta Cámara" a dicir "mentiras" é Feijóo, tanto na área puramente económica como naquilo que lles "conta" aos afectados polas participacións preferentes das antigas caixas, un asunto que o presidente viña de abordar a preguntas da voceira do BNG, Ana Pontón. Mentres representantes dos afectados por estes produtos financeiros seguían a sesión dende a tribuna de convidados Pontón lembraba o escenario: unha situación "indecente" na que persoas "traballadoras ou xubiladas" teñen os seus cartos "secuestrados polas entidades financeiras". "Son, en moitos casos, os aforros dunha vida" e "a solución non virá pola paciencia dos afectados", senón que "o que ten que haber é vontade política" para que Novagalicia Banco "lles devolva o 100% dos cartos". "As persoas afectadas merecen máis máis consideración que os que evaden impostos ou que os alcaldes que non cumpren con Facenda", di.
"Este asunto é o suficientemente grave como para tratalo coa seriedade que corresponde e co máximo respecto aos afectados", sinalou Feijóo quen, non obstante, despois de debullar as medidas postas en marcha pola Xunta -comunicación coas entidades, co Banco de España e a Comisión Nacional do Mercado de Valores, asesoramento aos afectados a través das oficinas de Consumo e consulta á Unión Europea, que tería que autorizar a devolución dos cartos por estar NGB intervida-, volveu trasladar o asunto á area partidaria. O xefe do Goberno amósase convencido da necesidade de "chegar a un acordo para a devolución dos depósitos a aqueles que foron enganados por entidades financeiras", pero, a continuación, reitera que a maior parte das preferentes, "1.000 dos 1.200 millóns" depositados, "foron desembolsados durante o Goberno bipartito". Os clientes das antigas caixas e doutras entidades foron obxecto dun "abuso da súa boa fe" e, nesta liña, equipara o xeito de proceder das caixas co do Bloque: "non abusen vostedes da boa fe destes aforradores enganados polas entidades financeiras, non os volvan enganar vostedes tamén", dille a Pontón.
Guerra foi increpado nos corredores do Parlamento entre unha forte tensión
O xefe do Goberno galego zanxaba deste xeito a esixencia de explicacións da voceira nacionalista, que incluía tamén a petición de que Feijóo se reúna coa plataforma de afectados. Desoída a reclamación lanzada polo Bloque, quen a reiteraba eran os propios afectados dende a tribuna de convidados. "Feijóo, reunión", "presidente, respéctanos e deféndenos, somos galegos", repetían mentres amosaban camisolas reivindicativas e a presidenta da Cámara lles lembraba que interromper un pleno parlamentario pode chegar a ser "constitutivo de delito". Non houbo xuntanza co presidente, que abandonou o hemiciclo como nunha sesión ordinaria, pero si houbo encontro co conselleiro de Industria, Javier Guerra que, rodeado e increpado nos corredores do Pazo do Hórreo, exerceu de faciana do Executivo ante os afectados en medio dunha importante tensión.