Feijóo xa gasta máis en persoal de gabinete que Fraga e Touriño

Feijóo, con Touriño durante o traspaso de poderes de 2009 CC-BY-SA Vieiros

"Os bigobernos sáenlle moi caros a Galicia". En decembro de 2007 o daquela líder da oposición parlamentaria en Galicia, Alberto Núñez Feijóo, pronunciaba esta frase nunha sesión de control ao naquela altura presidente, Emilio Pérez Touriño, para censurar o gasto do Goberno de coalición en asesores. Aquela foi unha das primeiras ocasións en que saíu a relocer o que despois se convertería nunha constante no argumentario popular e que culminaría na campaña electoral de 2009, cando Touriño en concreto e os dirixentes de PSdeG e BNG en xeral pasaron a recibir cualificativos como "sultán de Monte Pío", "novos ricos" ou adalides do "desbalde". Parte daquelas críticas dos conservadores referíanse ás partidas orzamentarias destinadas ao persoal de gabinete dentro do orzamento da Presidencia da Xunta, unhas cantidades que en 2013 soben non só por riba do ano anterior, senón que tamén superan a Touriño e mesmo a Manuel Fraga.

Segundo consta no proxecto orzamentario remitido pola Consellería de Facenda ao Parlamento a Secretaría Xeral da Presidencia destinará a "persoal eventual de gabinete" un total de 908.818 euros. Isto implica que a partida é incrementada en 123.584 euros, unha suba do 15,7% a respecto do exercicio de 2012. Pero o incremento non se produce só a respecto do pasado ano. Ben ao contrario, un percorrido polos orzamentos da última década permite concluír que o persoal do gabinete encabezado por Feijóo implica maior gasto de recursos públicos que nos dous gobernos anteriores.

En 2013 a partida é un 3,9% superior ao último ano do bipartito e sobe un 10,2% a respecto do derradeiro orzamento de Fraga

Nos últimos Orzamentos elaborados polo bipartito, os de 2009, a devandita partida tiña consignados 875.108 euros, unha cantidade conxelada a respecto do ano 2008, no que a Presidencia dirixida polos socialistas gastou exactamente o mesmo, é dicir, un 3,9% menos do que gastará Feijóo en 2013. No seu primeiro ano en San Caetano o actual presidente rebaixou este gasto en algo menos de 60.000 euros e deixouno en 815.640. Aínda aplicaría outro recorte máis: en 2011 o persoal de gabinete da Secretaría Xeral da Presidencia absorbeu 785.234 euros e en 2012, unha cantidade idéntica. Pero o recorte desaparece en 2013.

Co cambio de tendencia Feijóo non só se desmarca dos dous últimos anos do bipartito, senón do conxunto do mandato de socialistas e nacionalistas e tamén do gobernos de Fraga do que el formou parte. Así, en 2007, considerado último ano antes do estourido da crise, o persoal de gabinete de Touriño implicou un gasto de 857.949 euros e en 2006 -primeiras contas do bipartito- a partida foi de 841.127. As cantidades consignadas polo socialista non eran moi diferentes das do seu antecesor: en 2005 o gabinete da Secretaría Xeral da Presidencia, aínda con Fraga, supuxo 824.634 euros (en 2013 o gasto será un 10,2% superior), en 2004 o gasto foi de 808.465 e en 2003, de 827.237. Hai que ir ata 2002 para que a partida baixe de 800.000 euros; daquela quedou en 740.663, un axuste ao que o PP non volveu no seu retorno ao poder en 2009.

Feijóo, con Touriño durante o traspaso de poderes de 2009 CC-BY-SA Vieiros

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.