Ferreiro asume as competencias de seguridade e de política lingüística na Coruña

Os concelleiros da Marea, antes de entregar as súas credenciais este venres Dominio Público @mareatlantica

O novo goberno do Concello da Coruña xa ten unha estrutura definitiva. Tras a celebración da Rede deste xoves, e despois de ter anunciado xa antes a distribución de áreas, a Marea Atlántica aprobou as responsabilidades adscritas a cada unha das concellerías. Así, o executivo de Xulio Ferreiro contará con catro tenencias de alcaldía, ocupadas polos edís responsables de Medio Ambiente, Rexeneración Urbana, Xustiza Social e Emprego. 

O executivo da Marea terá catro tenencias de alcaldía e o rexedor asumirá Transparencia, Oficina Orzamentaria, Asesoría Xurídica, Seguridade Cidadá e Política Lingüística

A alcaldía, segundo aclara a Marea, asumirá varias competencias, máis das que tiña co organigrama anterior do executivo do PP. Será unha "área transversal" na que se inclúen Transparencia, Oficina Orzamentaria, Asesoría Xurídica, Seguridade Cidadá, así como Política Lingüística, cuestión que dependerá directamente do rexedor e á que o novo goberno ten previsto darlle un importante pulo. 

A primeira tenencia de alcaldía será ocupada por María García, que é tamén responsable da área de Medio Ambiente e que ten experiencia en proxectos internacionais relacionados coa vivenda e a ecoloxía. O segundo tenente de alcalde será Xiao Varela, arquitecto que é o principal responsable urbanístico do Concello. Silvia Cameán, encargada da Concellería de Xustiza Social e Coidados, será a terceira tenente de alcalde, mentres que o cuarto correspóndelle a Alberto Lema, que é o encargado da área de Emprego e Economía Social. 

O goberno local terá nove departamentos, con cinco áreas "sectoriais" e catro "tranversais"

En definitiva, serán nove departamentos, cinco áreas "sectoriais e catro "transversais", para un goberno no que o alcalde Xulio Ferreiro exercerá de voceiro e no que asumirá máis competencias ante o menor número de efectivos cos que contará o executivo. Entre eles, Seguridade Cidadá, aínda que con case total seguridade nomearase un coordinador que dirixirá os Bombeiros, a Policía Local e Protección Civil

A número dous na lista electoral, Rocío Fraga, ocúpase da área transversal de Igualdade e Diversidade, e entre as súas tarefas incluirase tamén a loita contra a violencia de xénero, a defensa de colectivos minoritarios ou minorizados e a planificación familiar. En canto á grande área de Medio Ambiente e Mobilidade Sostible, haberá dúas subáreas que cooperarán. María García encárgase tamén da xestión de residuos e limpeza, mentres que Daniel Díaz Grandío -que será tamén o voceiro da plataforma cidadá na Deputación- encargarase das competencias de mobilidade e accesibilidade, tráfico, concesións de dominio público e transporte. 

Desde a Concellaría de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso encargarase tamén da "descentralización en distritos e barrios" e de Mocidade.. O departamento de Silvia Cameán, Xustiza Social e Coidados, abranguerá servizos sociais, educación e sanidade. Alberto Lema será o concelleiro de Emprego e Economía Social, macroárea que velará polas políticas de Traballo e Emprego, Actividade económica, Comercio, Turismo, Mercados, Consumo e a actuación comercial no Porto.

Xiao Varela será o edil delegado de asuntos urbanísticos e vivenda, o que comporta Urbanismo, Infraestruturas e equipamentos e a ordenación portuaria. José Manuel Sande definirá o desenvolvemento cultural e deportivo da cidade, con competencias como Cultura e Coñecemento, Deporte, as festas a través do Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE) e Memorias (museos científicos). Ademais, Eugenia Vieito ten entre as súas responsabilidades, ademais de Facenda, os servizos de Tesourería, Persoal, Contratación, Concesións e Informática.

Varios concelleiros, xunto ao alcalde, polo centro da Coruña © Marea Atlántica
Os concelleiros da Marea, antes de entregar as súas credenciais este venres Dominio Público @mareatlantica

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.