Ferrol desbloquea o seu financiamento cun PSdeG dividido e a abstención do PP

Imaxe dun pleno municipal en Ferrol © Concello de Ferrol

O Goberno municipal de Ferrol conseguíu aprobar a modificación de créditos, que fora rexeitada no último pleno, e que lle permitirá executar unha serie de investimentos e pagamentos urxentes. O desbloqueo do financiamento contou cos votos a favor dos concelleiros de concelleiras de Ferrol en Común e das dúas edís do PSdeG-PSOE (Rosa Méndez e María Fernández) que continúan no Executivo. O PP, que votara en contra hai unhas semanas, modificou a súa posición e abstivose "por responsabilidade" e despois de negociar algúns cambios nas partidas.

O PP, que votara en contra hai unhas semanas, modificou a súa posición e abstivose "por responsabilidade" e despois de negociar algúns cambios nas partidas

Os tres concelleiros do PSdeG-PSOE que abandonaron o Goberno (Beatriz Sestayo, Bruno Díaz e Germán Costoya) votaron en contra. Mentres, o BNG -que si apoiara a medida no último pleno- optou agora pola abstención. Finalmente, o Concello recibirá 835.000 euros, algo por debaixo dos 915.000 euros inicialmente previstos, que servirán para facer fronte ao pagamento de facturas a proveedores, horas extra de funcionarios, así coma outros investimentos e actuacións en obras públicas e festas.

Tralo pleno o alcalde ferrolán salientou que malia que finalmente o goberno fique en 8 concelleiros será "máis estable que antes". “Estamos na mesma circunstancia que cando un globo solta lastre e comeza a voar. Abocados, iso si, a procurar máis diálogo e consensos entre toda a corporación”, destacou. Jorge Suárez engadiu que a nova etapa que se presenta é "de enorme responsabilidade", pero que tamén é "unha oportunidade". “Ferrol está demasiado afeita a que os gobernos non duren máis de catro anos porque sempre primaron os intereses de partido aos intereses dos cidadáns, agora temos a opción de mudar as cousas, agardamos aproveitala”, concluíu.

 

Sestayo acúsaas de "vender os votos por cargos"

A portavoz del PSOE en Ferrol, Beatriz Sestayo, afirmou este domingo en entrevista na Radio Galega que as dúas edís socialistas que continúan no Goberno municipal incorren nun "caso claro de transfuguismo", acusándoas de "vender os votos por cargos", no que considera "unha traizón non só ao PSOE, senón unha traizón á cidadanía".

Tralo pleno o alcalde ferrolán salientou que malia que finalmente o goberno fique en 8 concelleiros será "máis estable que antes"

O pasado venres, o secretario xeral da executiva provincial do PSdeG-PSOE na Coruña, Julio Sacristán, daba por roto o grupo socialista no Concello de Ferrol, sinalando que era "moi difícil" recompoñer a situación creada trala expulsión das dúas edís que non acataron a decisión da Executiva Local. "Nós non apoiamos nin deixamos de apoiar a Executiva ferrolá, porque aínda non recibimos a acta da reunión, nin sabemos os motivos, pero entendemos que a situación é moito máis complicada", subliñou Sacristán.

 

Imaxe dun pleno municipal en Ferrol © Concello de Ferrol

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.