Ferrol en Común e PSdeG pechan un "programa de mínimos" e cren "esencial" ao BNG

Jorge Suárez no derradeiro mitin de campaña de Ferrol en Común CC-BY-SA FeC

Acordo en Ferrol. Tras unha semana de negociacións a tres bandas hai pacto entre dúas delas. As comisións negociadoras de Ferrol en Común e PSdeG pecharon este venres un "programa de mínimos" que, segundo explicaron este sábado nun comunicado conxunto, servirá para garantir "un goberno con políticas totalmente diferentes" ás do PP e no que participarán ambas formacións as cales, a unha semana da investidura, cualifican de "esencial" o papel do BNG no vindeiro mandato municipal.

Despois de que o Bloque local optase por non continuar negociando ao observar "discrepancias" relevantes entre o seu programa e os das outras forzas, así como "indeterminación en cuestións importantes", a plataforma que encabeza o futuro alcalde, Jorge Suárez, e mais os socialistas que lidera Beatriz Sestayo sinalan que manteñen as portas abertas aos nacionalistas. "Tanto PSOE como Ferrol en Común consideran ao BNG un elemento esencial no futuro goberno", din, "xa sexa formando parte do mesmo ou mantendo unha oposición leal e construtiva, en función do que decida a súa asemblea".

Dende o "respecto" á "decisión soberana que adopte finalmente" o BNG os grupos de Suárez e Sestayo ultiman xa un documento programático que farán público a findeira semana e que, adiantan, estará centrado "na recuperación da poboación, na recuperación urbanística, nos dereitos sociais, na creación de emprego e na defensa da transparencia e na participación cidadá". Tentará, asemade, din, "poñerlle freo á especulación, á constante privatización de servizos públicos e aos gastos superfluos en obras fastosas".

Os grupos ultiman un documento programático que será público a vindeira semana

Unha vez concretadas a bases do programa FeC e PSdeG abordarán agora a "determinación das responsabilidades e o funcionamento dun posible goberno de coalición", aspecto que, aseguran, é "secundario para ambas formacións, xa que os intereses da cidade e da súa veciñanza están por riba dos partidistas". "Na situación actual na que se atopa Ferrol -din-, con taxas récord de desemprego, perda de poboación, pobreza e exclusión social, a altura de miras e responsabilidade fanse imprescindibles".

Suárez: "Ábrese un novo tempo dende a esquerda para que Ferrol volva ao optimismo"

Con este pacto sobre a mesa Suárez coida que con este acordo "se abre un novo tempo" no que "dende a esquerda se vai dar cabida a todas as sensibilidades da cidade, construíndo entre todas e todos un Ferrol que volva ao optimismo e recupere a dignidade". Sestayo, pola súa banda, ve "moi positiva" a "primeira fase da negociación" na que, afirma, primou a "responsabilidade con Ferrol e cos seus cidadáns para afrontar os problemas serios desta cidade".

Jorge Suárez no derradeiro mitin de campaña de Ferrol en Común CC-BY-SA FeC
Sestayo e membros da comisión negociadora CC-BY-NC-SA PSdeG Ferrol

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.