Fin de semana de campaña en Galicia das primarias do PSOE

Madina, Sánchez e Perez Tapias CC-BY-SA El Diario

Pedro Sánchez e José Antonio Pérez Tapias mantiveron esta fin de semana encontros con militantes socialistas en Galicia. O vindeiro domingo 13 de xullo celebraranse as eleccións primarias, das que sairá o novo secretario xeral do PSOE. Dúas das tres sondaxes publicadas este domingo outórganlle unha lixeira vantaxe a Eduardo Madina, a outra a Sánchez, tamén por escasa marxe.

O sábado Sánchez estivo en Ferrol, A Coruña e Compostela. Na cidade departamental destacou que o seu empeño é "xubilar democraticamente" o presidente do Goberno, Mariano Rajoy, e avogou por iniciar unha dobre recuperación "moral e económica" en España. Pedro Sánchez realizou unha ofrenda floral ante o monolito que Pablo Iglesias, fundador do partido e do sindicato UGT, ten na súa cidade natal. Sánchez destacou "querer moito esta terra" e lembrou que foi voluntario na campaña das eleccións autonómicas de 2005, que levaron a Emilio Pérez Touriño á presidencia da Xunta. Sánchez afirmou, así mesmo, que "o socialismo galego vai ser a vangarda" e a "punta de lanza" do "cambio no socialismo español".

Pola súa banda, José Antonio Pérez Tapias participou este domingo nun acto en Santiago de Compostela. O granadino, en declaracións aos medios, rexeitou a posibilidade de "retirarse" para darlle o seu apoio a Eduardo Madina, despois de destacar que reuniu "un a un" os 10.000 avais que conseguiu. Engadiu que na súa candidatura "non hai ningunha tutela, ningún patrocinio, ningún padriño, nin ningún aparello detrás". Pérez Tapias defendeu que a súa é unha candidatura con propostas e ideas "ben diferenciadas" que no viu "recollidas noutros candidatos", e comprometeuse a "reubicar o PSOE na esquerda, que é onde debe estar".

Este domingo El País, El Mundo e La Razón publicaron tres sondaxes de intención de voto nas primarias do vindeiro domingo. Dúas das tres enquisas outórganlle unha lixeira vantaxe a Eduardo Madina entre os votantes socialistas, a outra a Sánchez, tamén por unha marxe escasa. Os tres candidatos participarán este luns nun debate, que pode marcar o final da campaña e definir o resultado. El Mundo sitúa por diante a Pedro Sánchez (30,8%) sobre Eduardo Madina (27%) e Pérez Tapias (8,3%). Pola contra, na sondaxe de El País Madina (40%) supera por pouco a Sánchez (37%), cun 18% para Pérez Tapias. O mesmo que na que publica La Razón: 34% para Madina fronte a 21,5% para Sánchez e 8,3% para Pérez Tapias.

O PSOE confía que estas eleccións primarias supoñan un revulsivo e freen a crise que o partido sofre dende hai anos, acentuada nas eleccións europeas pola irrupción de Podemos e o ascenso de IU. Varios líderes e personalidades socialistas alertaron dos riscos aos que se enfronta ao partido, da posibilidade de que a formación se convirta nunha forza residual, como lle sucedeu ao PASOK en Grecia, e tamén contra a inutilidade dos "liderados de cartón-pedra".

Intervención de José Antonio Pérez Tapias,este domingo en Compostela Dominio Público Praza Pública
Pedro Sánchez, en Compostela Dominio Público @acnjavier

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.