Fiscalía e acusación insisten no "plan" dos acusados para "simular" un despedimento na Fundación Cela

Os catro acusados polo caso da Fundación Cela, sentados no xulgado © CRTVG

A Fiscalía e a acusación particular no caso por unha presunta malversación na Fundación Cela insistiron na última xornada do xuízo na súa idea de que os acusados elaboraron un “plan” para “simular” o despedimento do daquela xerente, Tomás Cavanna, xestionando á súa maneira “fondos públicos” para elevar e pagar unha indemnización que chegou aos 150.000 euros. 

O xuízo quedou visto para sentenza: Fiscalía e acusación particular manteñen a petición de catro anos de cadea para os catro acusados

Tanto o Ministerio Fiscal como a acusación manteñen a súa petición de catro anos de cadea, inhabilitación e a devolución destes cartos no caso xulgado durante os últimos catro días na sede compostelá da Audiencia Provincial da Coruña contra Marina Castaño, ex-presidenta da Fundación e viúva de Camilo José Cela; o ex-xerente, Tomás Cavanna; a aínda vicepresidenta, Covadonga Rodríguez; e o seu pai, Dositeo Rodríguez, ex-conselleiro da Xunta en gobernos de Manuel Fraga. 

O xuízo quedou visto para sentenza este xoves coas conclusións finais nas que o fiscal, Álvaro García Ortiz, insistiu en que Cavanna optou por marchar da Fundación ao coñecer que tornaría en pública e, en conivencia co resto dos acusados, tramou un “engano” para que se lle pagase unha indemnización con cartos da Xunta. Así, segundo a Fiscalía, todos simularon o despedimento cunha negociación que, en realidade, non existía, ao reclamar desde un principio o xerente a cantidade que finalmente lle foi abonada.

Marina Castaño, á súa chegada aos xulgados de Santiago, no primeiro día do xuízo © TVG

A Fiscalía céntrase en Cavanna por ser o “ideólogo e beneficiario” do plan apoiado polas ordes de Marina Castaño, actuando ambos “como se fosen unha familia pero con fondos públicos”. 

Desde a acusación particular considérase tamén ben claro que Cavanna quería deixar a Fundación, algo que se deduciría dos correos electrónicos enviados entre varios dos protagonistas, e insistiu no feito de que se ocultasen ao padroado da entidade e á Xunta os detalles desta operación. 

A Fiscalía sinala a Castaño e o resto dos acusados por actuar como se fosen "unha familia" pero con "fondos públicos"

Pola súa banda, as defensas dos catro acusados aseguran que a acusación está collida “con pinzas” e advirten de que non houbo “ocultación ningunha” nin “vontade” de simular. O letrado de Marina Castaño, ademais, considerou que non se tería chegado ata este punto se a súa defendida non fose quen é. 

As defensas de Dositeo Rodríguez e Covadonga Rodríguez, pola súa parte, insistiron no feito de que a Xunta non tivese reclamado os 150.000 euros nin se tivese personado no xuízo, ademais de aludir a motivos máis sentimentais, lembrando que o ex-conselleiro o único que quería era salvar a Fundación e que non debería, por iso, acabar sentado no banco dos acusados. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.