Galicia vai seguir voando 'a tres' durante moito tempo. Esa é, cando menos, a aposta do Ministerio de Fomento que, a través do organismo público Aena, vén de presentarlles á Xunta, aos concellos e a representantes das entidades empresariais o seu informe sobre a política aeroportuaria en Galicia. Lonxe das voces políticas que, máis ou menos en privado, manteñen a imposibilidade de realizar investimentos ao mesmo tempo en Lavacolla, Alvedro e Peinador, o Goberno central segue a estela dos que o precederon cun único matiz, propón que Santiago se centre en voos internacionais e de turistas, mentres que os aeródromos coruñés e vigues se ocuparían das liñas de negocios.
O secretario de Estado de Transportes, Rafael Catalá, foi o encargado de presentar, este xoves en Compostela, as liñas mestras dun documento que, non obstante, amosa como "enfoque inicial". As competencias aeroportuarias son só do Goberno de España, pero as súas indicacións, asegura, non son "exclusivas", senón que Xunta e gobernos locais deben tamén achegar ideas para "acadar o resultado máis positivo", pero sempre dende o esquema de tres aeroportos.
Fomento propón que Lavacolla se centre en voos turísticos e internacionais e Alvedro e Lavacolla, en viaxes de negocios
Tras a presentación inicial, unha serie de xuntanzas rotatorias na Coruña, Compostela e Vigo seguirán a trazar un "plan de acción" que, segundo o alto cargo de Fomento, debera permitir "acadar a demanda potencial estimada de 6,2 milóns de pasaxeiros", que se antolla afastada tras moitos meses de caída libre dos tráficos. Pero as tornas podense ser invertidas "grazas a unha promoción eficaz de Galicia como destino turístico e a unha oferta atractiva nos principais mercados emisores de turismo", di.
A Xunta, á espera do seu informe de 30.000 euros
Mentres dende algúns dos gobernos municipais implicados -nomeadamente, desta volta, Vigo e Santiago- se alimenta a fogueira localista, a Xunta garda, polo momento, as súas cartas. Cando en Lavacolla se estaba a presentar o informe, dende San Caetano Alberto Núñez Feijóo saudaba que, "por fin, o Goberno central cumpre os seus compromisos no exercicio das súas competencias". "Dado que non son competencias das comundiades autónomas porque os aeroportos non están transferidos, eu alédome moito de que por fin Fomento presente unha proposta concreta" para a "cooperación dos tres aeroportos", di o presidente.
O Goberno galego encargou o seu informe o mesmo día en que Fomento anunciou o presentado hoxe
Pero, cal é a postura da Xunta? "Cando teñamos ese documento", di, "ímolo estudar con moito detalle" e "en base a esa avaliación, faremos un pronunciamento e un posicionamento do Goberno galego por escrito". Nesta explicación o presidente obvia que o seu gabinete está a piques de recibir o plan estratéxico de aeroportos que lle encargou á empresa Airia Ingienería y Servicios -a única das empresas convidadas a participar que presentou unha oferta- por importe de 28.000 euros. Este plan, encargado no mesmo día en que Fomento decidiu elaborar o informe presentado este xoves, pretende obter unha diagnose para "garantir a viabilidade do sistema aeroportuario de Galicia a base dunha operación coordinada dos aeroportos de Lavacolla, Alvedro e Peinador".