Fóra das cidades tamén subiu (algo) a marea

Acto de Nós-Pobra © Nós-Pobra

As mareas, candidaturas de confluencia, de unidade das esquerdas, ou como se poidan denominar pegaron con forza nas cidades. Porén, tamén en concellos das áreas metropolitanas, moitas vilas e mesmo algúns concellos pequenos e da zona rural, houbo candidaturas que representan este espazo político que conseguiron importantes resultados. A Pobra do Caramiñal, Ames, Cangas, Teo, Val do Dubra, Mugardos... son algúns exemplos. Noutros casos listas cidadás que nos últimos meses levaron a cabo un intenso traballo de organización, coma a Riada do Tea, a Riada Cidadá do Barco, GañaMOS, Xinzo Aberto, Rianxo en Común, Sadamaioría ou as listas do Carballiño, Marín O Carballiño, Ribadavia, A Estrada, Lalín, Neda ou Boqueixón, acadaron resultados máis modestos (ás veces en prazas moi difíciles, iso si), pero conseguiron representación e poden xogar un papel importante apoiando os respectivos gobernos municipais ou na oposición.

Na Pobra do Caramiñal, por exemplo, onde o PP perde a maioría absoluta coa que contaba, pasando de 7 a 5 concelleiros, a alcaldía podería corresponder a Nós-Pobra, que acadou 4 edís

Na Pobra do Caramiñal, por exemplo, onde o PP perde a maioría absoluta coa que contaba, pasando de 7 a 5 concelleiros, a alcaldía podería corresponder a Nós-Pobra, que acadou 4 edís, por diante de BNG (3) e PSdeG-PSOE (1). En Ames, tamén as listas cidadás e de confluencia obtiveron un bo resultado, nunha corporación caracterizada sobre todo pola fragmentación. Se en 2011 o PP acadara a maioría absoluta, con 11 concelleiros, fronte a 6 de PSdeG e 4 de BNG, nos vindeiros catro anos haberá sete forzas con representación. O PP volveu ser a lista máis votada, pero perdendo sete edís e a metade dos seus votos; PSOE (4), Ames Novo (4), Contigo Pódese (3) e BNG (2) aseguran unha maioría de esquerdas, na que Ames Novo confirmou as súas boas expectativas e Contigo Pódese, a lista impulsada polo círculo de Podemos, irrompeu con forza. Pacto por Ames (3) e Ciudadanos (1) completan a corporación.

En Ames, tamén as listas cidadás e de confluencia obtiveron un bo resultado, aínda que o máis probable é que a alcaldía corresponda finalmente ao PSdeG-PSOE, nunha corporación caracterizada sobre todo pola fragmentación

Na área metropolitana da Coruña atopamos varos casos de candidaturas independentes de signo progresista, como a Alternativa dos Veciños de Oleiros ou a Unión por Cambre (UxC). En Oleiros, a Alternativa dos Veciños retivo a maioría absoluta, con 14 concelleiros. Mentres, en Cambre, UxC poderá gobernar sumando os seus cinco edís aos cinco do PSdeG-PSOE e aos 2 de Son (que mantén a representación que en 2011 tiña EU). Tamén en Culleredo a Marea Veciñal obtivo tres concelleiros, nun concello no que o PSdeG-PSOE repetirá mandato, pero sen maioría absoluta. En Sada, o bo resultado de Sadamaioría (obtivo catro concelleiros e foi a segunda forza máis votada) foi insuficiente para gañar a alcaldía. Previsiblemente os 7 edís do PP e os 2 de P.D.S.P. serán suficientes para asegurar unha maioría conservadora. 

No Val do Dubra a candidatura de SON obtivo 5 dos 11 concelleiros, quedando a un dunha maioría absoluta que ata agora posuían os populares

En Teo Anova-SON repetirá goberno, sendo a forza máis votada aínda que igualando con sete concelleiros os acadados polo PP. No Val do Dubra a candidatura de SON obtivo 5 dos 11 concelleiros, quedando a un dunha maioría absoluta que ata agora posuían os populares; PP (3), TEGA (2) e Independentes por Dubra (1) completan unha corporación que esixirá acordos. En Dodro a Unión Veciñal de Dodro foi a segunda forza máis votada, con 3 dos 11 edís, pero non puido evitar unha nova maioría absoluta do PP.

En Mugardos, a alcaldía podería corresponder a EU-SON (3 concelleiros), que superou de fora axustada á Iniciativa Cidadá de Mugardos, tamén con tres edís

En Mugardos, a alcaldía podería corresponder a EU-SON (3 concelleiros), que superou de fora axustada á Iniciativa Cidadá de Mugardos, tamén con tres edís. Os dous representantes de BNG e máis o acadado polo PSdeG-PSOE aseguran unha maioría de esquerdas. En Fene, Somos Maioría obtivo dous concelleiros, mentres que Esquerda Unida quedou con 1 e Avante (impulsada polo círculo de Podemos da localidade) ficou ás portas do 5%. Haberá maioría de esquerdas no Concello e, a través de pactos con estas forzas e co PSdeG-PSOE, o BNG podería regresar ao goberno.

En Cangas, a candidatura de SON (anteriormente ACE) obtivo catro concelleiros nun concello moi fragmentado politicamente, no que o PP perdeu a maioría absoluta

En Cangas, a candidatura de SON (anteriormente ACE) obtivo catro concelleiros nun concello moi fragmentado politicamente, no que o PP perdeu a maioría absoluta. Os 4 edís de SON, os 4 do BNG, os 3 de Asamblea pola Unidade e mesmo o obtido por Cangas Decide deberían darlle a Xosé Manuel Pazos a alcaldía. En Gondomar, moita fragmentación: o PSdeG-PSOE e o PP empatan con catro edís cada un e irrompen as listas cidadás de Manifesto Miñor (3) e Gondomar Concello Aberto (3), que terán a chave do goberno. En Mos o bo resultado acadado por GañaMOS-SON, que foi a segunda forza máis votada, con catro concelleiros, non puido evitar unha maioría absoluta do PP. 

En Arbo a Agrupación de Electores de Arbo, liderada polo anterior candidato do BNG, obtivo un excelente resultado, con 5 dos 11 concelleiros en xogo. Porén, quedou a 40 votos dun PP que acadou a maioría absoluta. De igual xeito, en Pazos de Borbén, a Alternativa Veciñal tamén quedou ás portas de facerse coa alcaldía: obtivo 4 concelleiros, insuficientes (mesmo co edil acadado polo PSdeG-PSOE) para superar os 6 conseguidos polo PP. En cambio, en Mondariz Alternativa por Mondariz (tamén liderada por un antigo militante do BNG) foi a forza máis votada, obtendo catro concelleiros que lle poderían permitir gobernar. Tamén en Salceda de Caselas, o Movemento Salceda, liderado polo ex-BNG Marcos Besada, se fixo coa vitoria, con 5 dos 11 concelleiros e, previsiblemente, poderá gobernar.

Alternativa por Mondariz (liderada por un antigo militante do BNG) foi a forza máis votada, obtendo catro concelleiros que lle poderían permitir gobernar.

En Redondela a Agrupación de Electores obtivo catro concelleiros, multiplicando a representación acadada en 2011. Eses votos, xunto co edil acadado por Poder e o conseguido polo BNG poderían conformar unha maioría de esquerdas, sumándose aos 6 concelleiros do PSdeG-PSOE. En Vilagarcía, EU-SON (3) e Somos Maioría (1) tamén obtiveron representación, nunha localidade que presumiblemente será gobernada polo PSdeG-PSOE.

En Manzaneda, David Rodríguez (SON) mantén a alcaldía, ao sumar 5 dos sete concelleiros en xogo

En Manzaneda, David Rodríguez (SON) mantén a alcaldía, ao sumar 5 dos sete concelleiros en xogo. En Monterrei a agrupación de electores Veciños de Monterrei converteuse na segunda forza máis votada, con 3 edís, pero lonxe dos 7 do PP, que mantén a maioría absoluta. Salientable foi tamén o resultado de Xinzo Adiante, en Xinzo de Limia, que obtivo tres edís; mesmo así os populares mantiveron a maioría absoluta.

As listas de confluencia de esquerdas conseguen tamén representación en Marín (3), Boqueixón (3), Agolada (3), Cambados (3), Baiona (2), Betanzos (2), As Pontes (2), Ponteceso (2), Bergondo (2), Cedeira (2), Narón (2), Neda (2), O Grove (2), Nigrán (2), Noia (2), Rianxo (2), Veciñanza (2), Sober (2), Ponteareas (2), Piñor (2), Punxín (2), Boiro (1), Ares (1), Abegondo (1), Cabanas (1), Carral (1), Lousame (1), Oroso (1), Padrón (1), Rois (1), Valdoviño (1), A Estrada (1), Bueu (1), Lalín (1), Vilalba (1), Viveiro (1), O Porriño (1), Ribadumia (1), Sanxenxo (1), Tui (1), Vilanova de Arousa (1), Chantada (1), Folgoso do Courel (1), Monforte (1), A Pobra de Trives (1), Amoeiro (1), Beariz (1), Boborás (1), O Barco de Valdeorras (1), O Carballiño (1), O Irixo (1), Pereiro de Aguiar (1), Ribadavia (1), Taboadela (1), Toén (1)

Acto de Nós-Pobra © Nós-Pobra
ACE-SON podería gobernar en Cangas © ACE
Acto de campaña de Ames Novo © Ames Novo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.