Formoso avala o "diálogo" do PSOE con Junts para lograr a investidura de Sánchez e critica o "cinismo" de Feijóo

Valentín González Formoso, tras a reunión con deputados e senadores do PSdeG CC-BY-SA PSdeG

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, reiterou este sábado que o partido escollerá o candidato á presidencia da Xunta nas vindeiras autonómicas mediante un proceso de primarias como o que xa estaba convocado e que foi suspendido pola dirección estatal do PSOE ata que se resolva a investidura no Estado.

"Non prevemos ningún outro escenario", dixo González Formoso logo de manter unha reunión con deputados e senadores da lexislatura que se vén de iniciar nas Cortes Xerais do Estado e de defender o "diálogo" coas forzas catalás independentistas para buscar "unha fórmula" que permita a investidura de Pedro Sánchez. 

Silva, Formoso e Lage, na reunión con deputados e senadores do PSdeG CC-BY-SA PSdeG

Formoso insistiu en que a elección do candidato ás eleccións galegas será a través de primarias porque esa é "a fórmula escollida estatutariamente polo PSOE para designar" os seus aspirantes e insistiu en que pouco importa que sexa "máis longo ou máis curto" un proceso que estaba previso para este mes pero que agora se retomará cando se resolva a gobernabilidade no Estado. 

Formoso asegura que o PSdeG "está preparado" para unhas eleccións autonomicas que di que Rueda convocará en función dos "intereses" do PP

O tamén presidente da Deputación da Coruña e alcalde das Pontes advirte que o PSdeG "prepara a maquinaria" para unhas autonómicas que "algún día" o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, convocará en función dos "intereses" do PP. E considera que o partido "está preparado" para a cita coas urnas porque, máis aló de non contar con candidato, a formación está "activada" para recoñecer os problemas de Galicia e propor "respostas" a eles.

Ademais, cuestionado sobre a posible candidatura de Xosé Ramón Gómez Besteiro, a quen todos os focos no PSdeG apuntan como aspirante a presidir a Xunta, aclarou que o proceso de primarias, "cando se dea", será un proceso no que "calquera compañeiro" poderá presentarse. 

Por outra banda, Formoso defendeu a vía do "diálogo" coas forzas independentistas catalás, e en particular con Junts, para explorar "unha fórmula" que permita a investidura de Sánchez, ao tempo que situou na normalidade algunhas voces críticas dentro do PSOE. 

Reunión de traballo de deputados e senadores do PSdeG CC-BY-SA PSdeG

Formoso lembra que o PSOE "sempre arriscou nos grandes avances políticos e sociais" de España, ás veces con "pasos que inicialmente foron controvertidos pero finalmente asumidos pola sociedade española", en referencia á entrada na OTAN ou na UE ou as conversas con ETA, ademais doutras como "prohibir fumar nun bar ou o carné por puntos. "Foron grandes avances que eran controvertidos inicialmente pero que mudaron radicalmente a vida dos españois", insistiu. 

Así, defendeu no "escenario" da investidura o "diálogo" coa "Constitución como marco" e considera que ese debe ser "o método" para "atopar unha vía de acción" dentro "dunha sociedade madura sen entrar en clixés, inxustizas ou cinismos". 

Formoso critica o "cinismo" de Feijóo por defender o seu diálogo con Junts e Puigdemont e logo criticar o do PSOE

Así, entre eses "cinismos" situou a Feijóo por "erguerse ao día seguinte das eleccións dicindo que vai falar con Junts e Puigdemont porque é unha formación política que ten representatividade nas Cortes" para días máis tarde "criticar os contactos do PSOE polas presións" de Isabel Díaz Ayuso "e dese PP que ten dentro de si mesmo unha parte de ultradereita". 

"Ese cinismo non pode operar cando estamos a falar dunha cuestión de estabilidade institucional", dixo, aínda que evitou aclarar se é favorable ou non á amnistía que se negocia con Junts. Con todo, cre preciso "sentar a dialogar" para "normalizar" a situación política en Catalunya, logo de cualificar de "teatrillo fake" a investidura de Feijóo. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.