Galeguismo e nacionalismo homenaxean a Castelao en Rianxo

Luís Villares intervén no acto de homenaxe a Castelao Dominio Público @En_Marea

Representantes de diferentes formacións nacionalistas e galeguistas, así como de varias fundacións, homenaxearon este domingo a Castelao na súa localidade natal, Rianxo, na véspera do 131º aniversario do seu nacemento. Na véspera ou, se cadra, no mesmo día, xa que o alcalde rianxeiro, Adolfo Muíños (BNG) revelou que documentos do arquivo municipal indican que pode que o político, debuxante e escritor nacese un día antes do que se pensaba e non naquel 30 de xaneiro de 1886. 

Convocados polo Partido Galeguista, membros de distintas correntes e partidos nacionalistas fixeron un percorrido por diferentes lugares da vila destacados na traxectoria vital de Castelao, ademais de celebrar a clásica ofrenda floral no paseo da Ribeira. Durante os actos, ademais, informouse das negociacións cos propietarios da vivenda natal do pai do nacionalismo para poder así convertela axiña no museo en memoria desta histórica figura, pero advertiuse tamén das dificultades que polo momento o impiden.  

Nos actos lembrouse as dificultades que impiden que a casa natal de Castealo se converta no museo que honre a súa figura

O rexedor rianxeiro aproveitou a ocasión para pedir a todas as administracións públicas que colaborasen para facer realidade a casa-museo de Castelao na localidade, ademais de gabar a figura do ilustre veciño nun acto no que tamén se chamou á unidade do galeguismo político. Entre os asistentes, o deputado do BNG Xosé Luís Rivas, Mini, que asegurou que o labor do político rianxeiro é "o exemplo a seguir para erguer o país"

BNG, En Marea, Anova, CxG, Cerna, Foga, Coalición Galega e o PCPG estiveron representados no acto

Ademais, Luís Villares, voceiro de En Marea, destacou o "legado" de Castelao como representante do "paso á modernidade, como pobo e como nación", mentres que Antón Sánchez, viceportavoz de Anova, reparou na súa "defensa do idioma e da identidade". Tamén estivo presente María Xosé Afonso, de Compromiso por Galicia, que apostou por defender Galicia con forzas propias, ou Consuelo Martínez, de Cerna, que avogou tamén pola unidade e fraternidade. 

Alén deles, tamén estiveron presentes Segundo González (Foga), Fernando Alonso (Coalición Galega), Xosé Collazo (PCPG), Carlos Mella (Fundación Castelao), Valentín García Bóveda (Fundación Alexandre Bóveda), , Luis Martínez Risco (Fundación Vicente Risco), Xosé Fernando Filgueira (Fundación Filgueira Valverde), Xabier González (Nós), Manuel Puga (Fundación Penzol) ou Xusto Beramendi (Museo do Pobo Galego). Desde Euskadi, pola súa banda e en representación do PNV, Jokin Bildarratz, portavoz da formación vasca no Senado. 

Luís Villares intervén no acto de homenaxe a Castelao Dominio Público @En_Marea

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.