Galicia captará uns 2.000 millóns de fondos europeos... Para que?

Foto de familia do Consello Europeo no que se discutiron os orzamentos CC-BY-NC-SA Consello Europeo

"O adianto electoral decidiuno quen lle quería mover a silla a Fraga, tiñamos preparados proxectos de cinco millóns de pesetas para cada Concello, aquilo ía ser un maná!". Un dos altos cargos máis próximos a Manuel Fraga explicaba hai poucos anos deste xeito a que, ao seu xuízo, fora unha das principais causas da perda do poder sufrida polo PP en 2005, cando os conservadores foron desaloxados de San Caetano pola coalición de PSdeG e BNG. Estas afirmacións son un bo resumo do que se deu en chamar política de "chuvia fina", unha aposta por desenvolver pequenos investimentos por todo o país no canto de realizar grandes proxectos estruturais. Boa parte dese "maná" non chegaba directamente dende a Administración autónomica, nin sequera dende o Goberno central, senón de Bruxelas. Eran os tempos da abundancia dos fondos europeos.

Esa fervenza de millóns "de pesetas" da UE chegaba porque Galicia non acadaba o 75% da renda media dos países comunitarios e era considerada "rexión obxectivo de converxencia" ou "obxectivo 1". Pero a evolución económica galega, por unha banda, e a chegada de novos Estados á Unión que baixaron ese indicador, pola outra, fixeron que Galicia deixase de estar entre as máis pobres do club europeo. Dende ese momento o reto do Goberno galego foi obter a consideración de territorio "en transición" para beneficiarse da denominada "rede de seguridade" que lle permitise manter arredor de "dous terzos" dos fondos para o período orzamentario europeo que se desenvolverá entre 2014 e 2020, unhas contas cuxas liñas mestras se veñen de aprobar no Consello Europeo.

Fronte a ese obxectivo inicial, a decisión que vén de chegar de Bruxelas indica, segundo comunica a Xunta, que Galicia vai "manter o 60% das axudas europeas que viña recibindo". Esta é, para o vicepresidente Alfonso Rueda, unha "excelente noticia" dada a conxuntura económica e suporá que as arcas autonómicas ingresen "máis de 2.000 millóns de euros que contribuirán a consolidar os investimentos xa en marcha e lograr unha converxencia real e irreversible co resto de Europa". Agora resta, non obstante, que o Goberno central considere a Galicia "rexión en transición" xunto a Andalucía, Castilla La Mancha e Murcia.

A Xunta non especifica se renunciará á denominada política "de chuvia fina" que caracterizou a xestión dos fondos europeos ata agora

Para Rueda o "caso galego" é "especialmente significativo" á hora de considerar a decisión como unha boa nova, xa que "ao superar o 90% de renda media, Galicia entraría a formar parte das rexións máis desenvolvidas" e "corresponderíalle unha cantidade moi inferior de fondos estruturais". Por este motivo, argumenta, a Xunta considera a achega de 2.000 millónsc omo un "recoñecemento a todo o traballo realizado nestes anos, recadando apoios doutras autonomías e rexións europeas, incluídos landers alemáns" que estaban "na mesma situación", ademais dalgúns principais responsables políticos europeos, como o presidente da Comisión, José Manuel Durão Barroso, ou do vicepresidente Joaquín Almunia".

Entre todas estas declaracións en clave de celebración a Xunta non incluíu practicamente ningunha a respecto do destino que terán estes arredor de 2.000 millóns de euros, que agardan que se convertan nuns 3.500 cando se concreten as cantidades que chegarán procedentes de fondos que aínda non están territorializados -ademais dos fondos estruturais, Galicia tamén recibe cartos da política agraria común e fondos pesqueiros, entre outros-. Segundo Rueda, o Goberno galego ten o "compromiso" de "seguir utilizando ben" estes recursos para "consolidar os avances logrados". Así e todo, non especifica se isto implicará, por exemplo, renunciar á devandita política de "chuvia fina" que salferiu o país de infraestruturas de dubidosa utilidade social como centros de interpretación, piscinas ou pistas de pádel, entre outras.

Rajoy, con autoridades francesas e italianas no marco do Consello Europeo CC-BY-NC-SA Consello Europeo
Rueda e Gamallo avalían o resultado das negociacións © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.