Galicia en Común advirte dun Feijóo "radical disfrazado de moderado" e chama á mobilización progresista

Antón Gómez Reino, na presentación da campaña de Galicia en Común CC-BY-SA Galicia en Común

Galicia en Común, coalición de Podemos, EU, Anova e varias mareas municipalistas, presentou este sábado a súa candidatura ás eleccións autonómicas. "Estamos preparados para cambiar e gobernar Galicia", advertiu o seu líder, Antón Gómez Reino, nun acto no que estivo acompañado polos cabeza de lista das catro provincias (o propio Gómez Reino, Eva Solla, Miguel Anxo Fernán-Vello e David Bruzos), ademais de Martiño Noriega, ex-alcalde de Santiago, lugar onde tivo lugar este acto. 

"Feijóo é  un radical disfrazado de moderado, igual que Ayuso, Casado, Montoro ou Rato", di Gómez Reino

Gómez Reino cualificou a Feijóo como un "radical disfrazado de moderado, igual que Ayuso, Casado, Montoro ou Rato", tras acusalo de querer "subornar" o persoal sanitario do Sergas coa aprobación o pasado venres dun cheque de 250 euros para que os profesionais gasten en establecementes hostaleiros do país. Galicia en Común, dixo, encara os comicios co obxectivod e "recuperar Galicia" logo dunha "década de destrución do PP". 

Presentación da candidatura de Galicia en Común CC-BY-SA Galicia en Común

O candidato á presidencia da Xunta pola coalición insistiu, como xa fixera noutros actos, en apelar á mobilización do electoral "progresista" xa que, de conseguirse, "Feijóo perde". 

No acto deste sábado interviñeron tamén a cabeza de lista por Pontevedra e coordinadora nacional de EU, Eva Solla e Martiño Noriega. "Seremos parte do futuro Goberno de progreso dun país que enfronta as consecuencias da crise derivada do Covid-19, pasando páxina dunha Xunta", dixo Solla. 

Noriega destacou que a candidatura na que figura como número 3 pola Coruña "suma e multiplica" para avanzar cara á meta de "construír un goberno alternativo" que "blinde a educación e sanidade públicas e o estado de benestar".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.