Galicia en Común apela a loitas sociais como a de Verín, onde sitúa "o principio da fin de Feijóo"

Antón Gómez Reino, con membros do movemento contra o peche do paridoiro de Verín CC-BY-SA Galicia en Común

O candidato á presidencia da Xunta por Galicia en Común, Antón Gómez Reino, visitou no último día de campaña Verín para reunirse con membros da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Monterrei activos na loita contra o peche de paridoiro, unha mobilización social que, segundo dixo, "marcou o principio da fin de Feijóo"

Gómez Reino apela a loitas sociais como a de Verín e á "Galicia do Nunca Máis" para chamar á mobilización da esquerda este 12X

O aspirante á presidencia da Xunta pola coalición de Podemos, Anova, EU e varias mareas municipais optou por reivindicar unha loita social como a de Verín e por poñer en valor "a fervente defensa da sanidade feita pola veciñanza", á que agradeceu que "colocase no foco a nula xestión sanitaria do PP de Feijóo". Foi na mesma xornada na que Gómez Reino apelou tamén "á Galicia do Nunca Máis" para que a sociedade se mobilice este 12X e acabe "con anos de ocultación e de corrupción" do PP desde a Xunta. 

Gómez Reino fala con representantes do movemento contra o peche do paridoiro de Verín CC-BY-SA Galicia en Común

Alude Gómez Reino á mobilización e á protesta social apelando tamén ao espírito que elevou a esquerda rupturista, pendente agora dun descenso no apoio que intenta aminorar co impulso da ministra Yolanda Díaz ou apelando ao "voto útil" e necesario para garantir o cambio na Xunta. 

O tamén secretario xeral de Podemos Galicia fixo un chamamento a "concentrar o voto progresista, de esquerdas, en Galicia en Común" e, particularmente na provincia de Ourense, en David Bruzos --que o acompañou en Verín--, porque "esta provincia vai ser clave para terminar coa maioría absoluta que ata agora lle daban as enquisas ao PP".

Ademais, o deputado no Congreso Juantxo López de Uralde, tamén presente, advertiu de que "o voto ecoloxista en Galicia debe ir parar a Galicia en Común" como a formación que "realmente está a facer un gran esforzo por incorporar a loita contra o cambio climático e o apoio ao medio rural no seu programa".

Gómez Reino volveu facer un chamamento para que PSdeG, Galicia en Común e BNG se xunten "para dar unha mensaxe clara de cooperación"

Alén disto, Gómez Reino volveu facer un chamamento para que a súa formación, xunto a PSdeG e BNG, dixen patente a súa boa sintonía para un executivo de progreso. Para Gómez Reino, sería "moi positivo" unha reunión das tres formacións este venres "para dar unha mensaxe clara de cooperación" como "goberno alternativo deste país" que fai fronte á "ocultación de datos e irresponsabilidade do PP e de Alberto Núñez Feijóo"

Así, e en relación ao brote de coronavirus da Mariña, o candidato de Galicia en Común falou de "ocultación de datos e irresponsabilidade manifesta por parte do presidente da Xunta". Unha actuación que lle "lembra" á "pérfida xestión que fixo o PP en crises pasadas como a do Prestige".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.