Galicia en Común comprométese a "reverter a década de privatizacións e recortes do PP" desde a Xunta

Gómez Reino, con outros membros da candidatura, na reunión con Modepen CC-BY-SA Galicia en Común

O candidato de Galicia en Común-Anova Mareas á presidencia da Xunta, Antón Gómez Reino, comprometeuse a "reverter a década de privatizacións e recortes do Partido Popular de Núñez Feijóo" no caso dun cambio de goberno en Galicia. 

Gómez Reino comprométese a que o novo goberno da Xunta vai "reverter a década de privatizacións e recortes do Partido Popular de Núñez Feijóo"

O cabeza de lista pola Coruña, xuntos coas candidatas Eva Solla, Martiño Noriega e Luca Chao, reuniuse plataforma Modepen, colectivo de pensionistas do Concello de Boiro que reclaman unha residencia e un centro de día públicos na localidade.

"Recollemos as súas reivindicacións que, ademais compartimos e facemos nosas, porque Boiro merece unha residencia de maiores pública que, tal e como eles veñen demandando, podería ser no Pazo de Goiáns", onde a coalición realizou o acto deste martes. 

"O que é fundamental é que o próximo Executivo da Xunta, no que estará Galicia en Común, revertirá os dez anos de privatizacións da asistencia aos nosos maiores dos gobernos do PP de Núñez Feijóo", afirmou o candidato, que cre que "Galicia, como este pazo, pódese arrincar do desleixo no que nos sumiron once anos de PP e revertelo para o ben común, nos coidados e na defensa do público". 

"Ese é o noso compromiso e a partir do 13 de xullo Galicia en Común-Anova Mareas estará no Goberno para facelo realidade", rematou. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.