Galicia en Común propón unha alternativa á Risga compatible co Ingreso Mínimo Vital

Beiras, no acto con Fernán Vello en Lugo CC-BY-SA Anova

Beiras reapareceu para dar o seu apoio ao cabeza de lista de Galicia en Común-Anova-Mareas por Lugo, Miguel Anxo Fernán Vello, nun acto no que cualificou o presidente da Xunta, Núñez Feijóo, de “colaboracionista do fascismo máis brutal”.

Beiras cualifica a Feijóo de “colaboracionista do fascismo máis brutal” e chama á unión da esquerda

O histórico dirixente nacionalista instou a "botar a Feijóo do Goberno" tras once anos á fronte da Xunta na que "non fixo nada por Galicia". Así, asegurou que “as forzas de esquerda deberían unirse” para acabar co “reinado do PP”. Mentres, Fernán Vello, augurou que Galicia en Común dará "unha gran sorpresa" o 12X para "botar democraticamente" o líder do PP da presidencia de Galicia. 

Gómez Reino, Xulio Ferreiro e Martiño Noriega, na Coruña CC-BY-SA Marea Atlántica

Por outra banda, a formación presentou na Coruña unha proposta para transformar unha Risga "escuálida e insuficiente" nunha Renda Garantida para a Cidadanía Galega, compatible co Ingreso Mínimo Vital do Estado e que "amplía coberturas e recursos para avanzar como sociedade".

Galicia en Común presentou unha proposta para transformar unha Risga "escuálida e insuficiente" nunha Renda Garantida para a Cidadanía Galega

“Galicia merece un novo modelo de políticas sociais que coide e atenda as necesidades reais da súa xente. A Renda Garantida para a Cidadanía Galega será un obxectivo central do futuro Goberno galego a partir do 13 de xullo”, afirmou Antón Gómez Reino, voceiro da coalición e candidato á presidencia da Xunta de Galicia, que participou nun coloquio na Coruña xunto ao seu ex-alcalde Xulio Ferreiro e o ex-rexedor santiagués Martiño Noriega, dous referentes do chamado municipalismo que se implican tamén na campaña da coalición entre Unidas Podemos, Anova e as mareas. 

“Estes once anos de goberno do Partido Popular supuxeron un profundo retroceso nas políticas sociais deste país, unha situación que se viu agravada por esta pandemia da Covid19 crise que deixou a milleiros de galegas e galegos nunha situación insostible que o escuálido modelo de política social da Xunta, baleirado de recursos, persoal e dotación non foi capaz de afrontar nin o intentou”, reflexionou o portavoz.

“Queremos converter Galicia nun referente dentro do Estado español no debate, análise e estudo experimental de novos modelos de política social como, entre outros, a Renda Básica Universal, implicando, tamén as tres universidades galegas no proxecto”, asegurou Noriega. 

Pola súa banda, Xulio Ferreiro manifestou que “é responsabilidade dos poderes públicos, tamén desde a responsabilidade das administracións locais, actualizar e adecuar a contía das prestacións mínimas á situación socioeconómica da contorna e garantir ingresos mínimos suficientes para a cobertura das necesidades básicas e o exercicio dos dereitos fundamentais". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.